O prazo de solicitude de praza remata o 12 de decembro.
O Concello abriu a inscrición no servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha durante o Nadal. O prazo para solicitar a praza remata o 12 de decembro. Pode tramitarse presencialmente no Centro de Información ás Mulleres (CIM) ou en liña a través da Sede Electrónica.
O servizo, que vai dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, estará en funcionamento coincidindo coas vacacións nos centros de ensino, de luns a venres -agás festivos- entre as 7:00 e as 14:15 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo.
Casa usuario poderá escoller entre utilizar o servizo en horario completo ou reducido, sendo en ambos casos opcional o almorzo (servirase entre as 7:00 e as 9:00 horas). Os servizos básicos incluídos para calquera modalidade de inscrición son a acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas con profesionais especializados.
Tendo en conta que o número de prazas está limitado a 120 usuarios, os criterios de valoración para o acceso ao programa serán exclusivamente as necesidades de conciliación obxectivamente demostradas, considerando as circunstancias laborais da unidade familiar e outras situacións sociofamiliares e persoais que precisen dunha medida de apoio á conciliación.
Tanto a normativa como os impresos de inscrición están dispoñibles para a súa descarga na web municipal www.alaracha.gal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.