A conselleira de Medio Ambiente recorda que son os concellos os que deberán emitir un informe preceptivo e vinculante e poderán acordar a suspensión das obras, no caso de que non se siga o procedemento establecido neste texto
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, explicou esta mañá que a lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese axiliza os trámites, ao solicitar con carácter de urxencia os informes sectoriais aplicables de acordo coa lei; ao tempo que blinda a autonomía municipal, xa que o informe que emita o concello será preceptivo e vinculante.
Así o puxo de manifesto esta mañá a conselleira de Medio Ambiente durante o debate no Parlamento deste documento que “é un texto traballado e analizado polos responsables de Urbanismo e da Asesoría Xurídica e non improvisado”. Engadiu que o obxectivo é salvagardar os proxectos liderados por unha administración pública que impliquen beneficios sociais e económicos para Galicia, “sexa en Vigo ou en calquera dos restantes concellos de Galicia”.
A conselleira de Ordenación do Territorio destacou que o texto aprobado hoxe obriga, en primeiro lugar, á declaración da urxencia ou de excepcional interese dun proxecto que ademais se limita unicamente a iniciativas promovidas polas administracións públicas; polo tanto “a iniciativa privada queda fora”, sentenciou.
A Lei deseña un procedemento que garante a autonomía municipal, posto que os concellos terán sempre que darlle o visto bo a calquera proxecto e reiterou que o informe do concello será preceptivo e vinculante. Isto é, antes de iniciar a tramitación, pedirase informe ao goberno municipal afectado polo proxecto. Se este é desfavorable, a Xunta arquivará o procedemento.
En definitiva, incidiu Mato este texto pretende proporcionar unha resposta áxil, eficaz e da máxima seguridade xurídica a aquelas situacións nas que iniciativas de excepcional interese público quedan paralizadas pola necesidade de acometer modificacións nos instrumentos de ordenación.
“Achegar solucións para os proxectos que non poden ser paralizados ata a aprobación dun novo plan de ordenación urbanístico, que require sempre de tramitacións longas e complexas”, destacou, así mesmo, que esta lei demostra a súa complementariedade e coherencia coa nova Lei do solo de Galicia, pois un dos seus eixes fundamentais é o respecto e o recoñecemento da autonomía dos concellos en materia de urbanismo.
Recordou que o urbanismo é principalmente unha competencia municipal; polo que a obriga da Administración autonómica é poñer a disposición dos concellos as ferramentas para que o desenvolvemento urbanístico se produza de forma sostible, harmónica, responsable e de calidade; ao tempo que se vixía que se cumpran os intereses xerais por riba de calquera particular.
Así, a través deste instrumento, o Goberno galego poderá dar solucións a casos como os dos proxectos urxentes paralizados en Vigo tras a anulación xudicial do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois no caso contrario habería que esperar á aprobación dun novo planeamento, o que se traduciría nunha espera mínima de dous anos.
Mato Otero aclarou que esta norma non substituirá os plans xerais, senón que vén a subsanar os problemas derivados da ausencia de plan xeral actualizado para aquelas iniciativas urbanísticas públicas que teñen repercusión directa sobre a calidade de vida e o benestar dos cidadáns, e a economía e desenvolvemento.
Non obstante, indicou que dende a Xunta mantense o compromiso co desenvolvemento e aprobación de plans xerais nos concellos, posto que un PXOM é sempre a mellor e única solución para dar seguridade xurídica ao urbanismo e aos cidadáns.
Tramitación en 6 meses
No texto da Lei tamén se establece o procedemento necesario para impulsar estes proxectos urxentes. Segundo o mesmo, será o órgano promotor o encargado de dar traslado de dita iniciativa á consellería competente por materia, que será a que deba iniciar o procedemento para declaralo urxente ou de interese público. Precisarase dun expediente detallado, e dunha xustificación rigorosa das razóns de urxencia e excepcional interese.
Estes proxecto e a súa xustificación será remitido ao concello, para que tramite a exposición pública durante 20 días e despois emita un informe en 10 días sobre os intereses locais. Se a postura da entidade local é desfavorable, o Goberno autonómico arquivará o procedemento. No caso de ser favorable, a tramitación seguirá o seu curso e pasará á consellería competente en materia en urbanismo, neste caso, a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Este departamento terá que ocuparse de solicitar con carácter de urxencia os informes preceptivos de acordo á lexislación sectorial aplicable, destacando moi especialmente o da avaliación do impacto ambiental, se a normativa o esixe. Unha vez recompilada esta documentación, elaborará o proxecto á Comisión Superior de Urbanismo, que se pronunciará sobre os aspectos urbanísticos. Posteriormente, e rematado este procedemento, a Consellería competente en materia urbanística devolverá o expediente ao departamento competente en materia, que o elevará ao Consello da Xunta. O tempo necesario para completar este proceso é de entre 4 a 6 meses.
Para ofrecer aínda máis garantías, o concello poderá acordar a suspensión das obras se estas se pretendesen levar a cabo sen seguir o procedemento ou se non se axustasen ao proxecto aprobado.