Saturday 23 de November de 2024

O Pleno extraordinario aproba a conta xeral do Concello de Santiago do ano 2023


O Pleno do Concello de Santiago, reunido esta mañá en sesión extraordinaria, someteu a consideración a conta xeral do Concello de Santiago correspondente ao ano 2023, para a súa aprobación e posterior remisión ao Consello de Contas. Na súa intervención o concelleiro de Facenda avanzou que o pago medio a proveedores en outubro baixou a 65 días e a débeda reduciuse a 9,5 millóns. Ademais, a xestión ordinaria, e as operación financieiras e non financieiras pasaron de resultados negativos no 2022 a positivos no 2023 e se incrementaron as partidas de servizos destinados á cidadanía como vivenda, limpeza e alumeado, fomento do emprego, saúde pública, educación e deporte, entre outros.

Minuto de silencio ao inicio do Pleno extraordinario
O expediente da conta xeral do 2023, que foi aprobado cos votos a favor do BNG, Compostela Aberta e o Grupo Socialista e as abstencións do Grupo Popular, recolle, segundo sinalou o concelleiro de Facenda, Manuel César, un incremento patrimonial total de case 16 millóns de euros (15.945.961,10 euros) e de máis de 10 millóns en patrimonio líquido, “froito do resultado do exercicio que pasa da cifra negativa de 2022 de case 4,3 millóns de euros a un lucro en 2023 de case 3 millóns (2.951.485,99 euros)”.

O concelleiro tamén destacou que o pasivo non corrente ou débedas que ten o Concello redúcese en máis de 1,5 millóns, aumentando o corrente en 7,3 millóns de euros, “aínda que de calquera maneira os dereitos de curto prazo superan en máis 24,46 millóns as obrigacións de curto prazo, aumentando o fondo de manobra a respecto do ano anterior, en máis de 2,2 millóns de euros”, detallou.

Ademias, Manuel César salientou as “melloras significativas a respecto do ano anterior, a pesar de ser un tratamento prorrogado”, xa que a xestión ordinaria pasou de -2.448.814,14 euros en 2022 a 2.407.395,43 euros en 2023, revertendo o resultado negativo en positivo. Tamén o resultado das operacións non financeiras pasou dun saldo negativo de 2.370.775,64 euros en 2022 a un resultado positivo de 2.526.634,22 euros en 2023, e o das operacións financeiras, dunha perda de case 2 millóns de euros (-1.899.927,81) a un superávit de 424.851,77 euros.

Manuel César tamén mencionou o aumento dos grandes programas de gasto, “froito dunha mellora na xestión municipal” e que se traduciu nun incremento na prestación de varios servizos prestados á cidadanía como son vivenda, servizos muncipal básicos de limpeza e alumeado, fomento do emprego, saúde pública, educación e deporte. Tamén aumentaron as partidas destinadas ao turismo, ao desenvolvemento empresarial, mantemento e reparación dos camiños veciñais, seguranza e orde pública, protección civil e ordenación do tráfico e estacionamento. A nivel interno, tamén se incrementou as partidas dedicadas á sociedade da información e da cidadadnía co obxectivo de mellorar o acceso da cidadanía aos servizoa municipais.

Melloras na xestión

Froito das medidas postas en marcha, o concelleiro de Facenda avanzou que o pago medio a provedores en outubro baixou a 65 días e a débeda reduciuse a 9,5 millóns. “Somos conscientes das deficiencias que existen neste Concello, pero para nada podemos considerar que estamos de brazos cruzados porque son moitas as medidas que se tomaron” e recordou que é necesario “esforzo e tempo” para revertir a situación. A este respecto, Manuel César aludiu a varias das medidas tomadas como a adquisición de novas ferramentas e a mellora da administración electrónica co obxectivo de axilizar a xestión interna dos procedementos.

Segundo Goretti Sanmartín, “somos moi conscientes desde este Goberno que hai eivas na xestión, que son problemas estruturais complexos de hai moito tempo” e destacou algunhas medidas tomadas nos últimos meses como a mellora do inventario a través dunha reforma estrutural coa que Patrimonio pasa a depender de Secretaría, os labores de continuidade no proceso de optimización das ferramentas informáticas para aumentar a axilidade nos procedementos ou a creación de unidades especializadas da xestión e seguimento do pagamento das facturas.

Nesta sesión plenaria de carácter extraordinario tamén se aprobaron un expediente de suplemento de crédito para facer fronte ao incremento de do canon de SOGAMA polo tratamento de residuos urbanos , por importe de 901.884,89 euros, e outro expediente de crédito extraordinario por importe de 236.394,42 € e de suplemento de crédito de 45.297,98 € para atender o reintegro voluntario dunha parte do 1º libramento do MICIU ao proxecto SMARTIAGO e xuros de mora, financiado cunha parte do saldo do RLTGX 2023.

Deja un comentario