Friday 22 de November de 2024

A Xunta presenta as bases do borrador do novo decreto que regula o funcionamento dos CIMs


O futuro decreto establecerá como prioritaria a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella presentou hoxe as bases do borrador do novo decreto que regula o funcionamento dos Centro de Información á Muller (CIMs) ás directoras dos Centros e aos respectivos responsables municipais co fin de acadar o consenso da aprobación do decreto entre todas as partes involucradas.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe unha xuntanza coas directoras dos CIMs e cos responsables municipais da provincia de Pontevedra sobre o proxecto de decreto que establece os requisitos e os procedementos para o recoñecemento, modificación e extinción dos Centros de Información á Muller (CIM).

Segundo explicou a secretaria xeral, no ano 2004 publicouse no DOG o decreto 182/2004, que regula os centros de información ás mulleres e establece os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento, polo que transcorridos máis de 10 anos de vixencia do dito decreto, precisa revisarse e actualizarse para dar cabida ás demandas e adaptarse á situación actual da sociedade, co obxecto de dar continuidade e mellorar o servizo que prestan os CIM

Na actualidade, na provincia de Pontevedra hai 27 CIMs nos concellos de A Estrada, Estrada, A Guarda, A Lama, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Mancomunidade do Salnés, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Nigrán, O Grove, Porriño, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.