• Segundo o acordo o goberno local asumirá a cesión da parcela e a edificación das novas instalacións, moito máis acordes para a correcta prestación do servizo.
• Na sesión plenaria tamén se aprobou un orzamento xeral para o 2025 de 14.436.216,55 euros.
O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento da Coruña aprobou na sesión plenaria ordinaria celebrada esta mañá nas dependencias da Deputación da Coruña o convenio de colaboración co Concello de Arteixo para a reubicación do parque provincial de bombeiros, actualmente situado no polígono industrial de Sabón, na localidade arteixá.
A través deste acordo, o Concello de Arteixo cederá a parcela EQ-01, cunha superficie de 4.000 m², para a construción das novas instalacións do Parque Provincial de Bombeiros. Estas novas infraestruturas serán licitadas, executadas e financiadas integramente polo Concello de Arteixo. Desta maneira, os efectivos do parque provincial de Arteixo trasladaranse desde as instalacións actuais, localizadas na parcela 24 do polígono de Sabón.
O proxecto das novas instalacións será redactado polo Concello de Arteixo e contará con acceso directo ao viario público, ademais de todas as dotacións e servizos necesarios para garantir unha correcta prestación do servizo.
Aprobación dun orzamento de máis de 14 millóns para o 2025
Outro dos puntos tratados e aprobados na sesión plenaria foi o orzamento para o exercicio 2025, que ascende a 14.436.216,55 euros.
En canto aos gastos, destinaranse 14.359.216,55 euros a operacións correntes, dos cales:
• 12.386.026,65 euros corresponden a gastos de persoal.
• 1.966.689,90 euros a gastos correntes.
• 1.500 euros a gastos financeiros.
• 5.000 euros a transferencias correntes.
Os 77.000 euros restantes dedicaranse a operacións de capital.
No apartado de ingresos, prevese recadar 3.762.814,03 euros en taxas, distribuídas do seguinte xeito:
• 600.000 euros pola prestación do servizo contra incendios.
• 3.160.814,03 euros pola taxa de mantemento dese servizo.
• 2.000 euros pola expedición de documentos.
O resto dos ingresos, que ascenden a 10.673.402,52 euros, procederán da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, cunha contribución de 5.336.701,26 euros por parte de cada entidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.