Un ano máis, as vivendas mellor decoradas da Pobra do Caramiñal terán premio co V Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas no seo da campaña Volta o Nadal, voltan as Caramiñas.
A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, presentaron esta nova edición. “Seguimos apostando por involucra-la veciñanza cara a mellora estética da nosa localidade por estas datas tan significativas cun certame que busca a participación na decoración exterior dos seus fogares. E incentivamos esa implicación cuns galardóns que redundan positivamente no noso comercio. Deste xeito, dinamizamos o noso municipio a nivel social e económico”, apuntou a edil.
Seguindo a dinámica da anterior convocatoria, repartiranse 2.100 euros no total en formato de vale/caramiñas: un primeiro premio por valor de 600 euros e cinco segundos de 300 euros (un por cada parroquia: Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, San Isidro de Postmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre).
Os boletos poderanse trocar en diferentes establecementos comerciais e de servizos do municipio, que disporán dun distintivo nun lugar visible.
As inscricións poderanse formalizar ata o 2 de decembro a través do enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com. É preciso indica-lo nome completo e o documento de identidade da persoa participante, o enderezo e a parroquia do balcón, ventá ou fachada e un número de teléfono de contacto. Unha vez formalizada a matrícula e engalanadas as vivendas, remitirase polo referido correo electrónico un mínimo de dúas fotografías que xustifiquen a ornamentación.
O prazo para decorar remata no 6 de decembro e os elementos deberán permanecer ata o 6 de xaneiro, ámbolos dous incluídos.
No 11 de decembro darase a coñece-lo ditame do xurado e disponse ata o día 24 para entrega-las caramiñas. As bases completas están en www.apobra.gal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.