O Bloque Nacionalista Galego e a plataforma social Vía Galega realizarán en Ribeira este sábado, 23 de novembro, ás 11:00 horas, un acto especial en lembranza das Irmandades da Fala, no marco da celebración dos 106 anos da I Asemblea Nacionalista celebrada en 1918. O evento, que terá lugar no merendoiro que hai entre o Cámping de Coroso e a praia de Riazor, contará coa participación do responsable local do BNG Rafael Pazos, da escritora Patricia Torrado, e do alcalde da localidade Luís Pére.
“As Irmandades da Fala, fundadas en 1916, representan un fito esencial na historia de Galiza. Estas organizacións pioneiras deron voz á defensa da lingua galega e impulsaron a recuperación cultural, política e social do país nun contexto de forte asimilación cultural” asegurou Pazos. A súa primeira asemblea nacionalista, celebrada en 1918, marcou o inicio dun movemento máis amplo de afirmación galega, unindo reivindicacións lingüísticas cun proxecto político que aspiraba a unha Galiza máis soberana.
No acto deste sábado en Ribeira, lembrarase a transcendencia do traballo das Irmandades da Fala, que sementaron os alicerces do nacionalismo galego contemporáneo e contribuíron de xeito decisivo á construción dunha identidade colectiva.
“Dende o BNG e Vía Galega convidamos á cidadanía a participar neste acto de homenaxe e reflexión, unha oportunidade para recoñecer o pasado e reafirmar o compromiso co futuro de Galiza, seguindo o camiño trazado polas Irmandades da Fala” concluiu Pazos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.