Friday 22 de November de 2024

A Xunta será a primeira administración autonómica en regular a formación en igualdade e violencia de xénero do seu persoal


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe o borrador do decreto na Comisión interdepartamental de Igualdade

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión da Comisión interdepartamental de Igualdade onde, entre outros asuntos, presentouse o proxecto de decreto para regular a formación en materia de igualdade e violencia de xénero do persoal da Xunta de Galicia.

A integración da igualdade de oportunidades na totalidade de actuacións das administracións públicas depende, en gran medida, da formación das persoas que traballan nelas. Por iso, considérase necesario e imprescindible promover que todo o persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia a posúa, garantindo para elo unha oferta continuada e permanente de accións formativas no ámbito da promoción da igualdade e da prevención e a loita contra a violencia de xénero.

Con este obxectivo nace este decreto, que converterá a Galicia na primeira Comunidade Autónoma de España en regular a través dun instrumento normativo a formación da totalidade do persoal da Administración Pública autonómica en Igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.

Segundo se recolle do borrador do decreto, establécense tres niveis de coñecemento en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero: básico, medio e superior. A través de Plans anuais de formación, as administracións públicas galegas deberán ofertar ao seu persoal distintas actividades formativas en cada un destes niveis.
Comisión interdepartamental de Igualdade
A Comisión interdepartamental de Igualdade é o órgano encargado de reforzar a integración do principio de transversalidade de xénero en todas as políticas e accións da Xunta de Galicia. Así, entre outras cousas, é a responsable da revisión e implantación das actuacións recollidas no VI Plan Galego para a igualdade; así como do seguimento da aplicación da Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero.

Está presidida polo vicepresidente da Xunta -o encargado de coordinar a planificación interdepartamental do Executivo autonómico- e vicepresidida pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Ademais, forman parte dela todas as consellerías do Goberno galego, prestando especial atención á colaboración coas de Educación, Sanidade, Política Social e, por suposto, ás áreas de xustiza, emerxencias e administración local.