O pleno aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de case 175.000 euros para saldar impagos do anterior goberno municipal.
O Concello de Ponteceso deu un paso crucial para sanear as súas contas ao aprobar, no pleno municipal celebrado onte, un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de case 175.000 euros. Este montante corresponde ás facturas de subministro eléctrico pendentes das anualidades 2022 e 2023, unha débeda herdada do anterior goberno municipal.
A iniciativa foi aprobada grazas aos votos favorables do grupo de goberno, formado polo Partido Popular (PP) e o Partido Galego (PG), así como o apoio do grupo Adiante Ponteceso. Por outra banda, o representante de APIN abstívose e o grupo do PSdeG-PSOE votou en contra. O recoñecemento extraxudicial de crédito é un mecanismo legal que permite facer fronte a obrigas pendentes de exercicios anteriores, garantindo que se poidan regularizar os pagos coa empresa subministradora de enerxía.
Con esta medida, o actual goberno municipal reafirma o seu compromiso coa estabilidade económica do Concello e coa transparencia na xestión dos recursos públicos. “O noso obxectivo é garantir que Ponteceso continúe avanzando e medrando en favor da veciñanza”, sinalou o alcalde, José Manuel Mato.
O Concello quere trasladar á veciñanza que esta acción forma parte dun esforzo global para sanear as contas municipais e evitar que este tipo de situacións se repitan no futuro, reforzando os mecanismos de control e previsión orzamentaria. Ademais, este pago permitirá continuar reducindo o prazo medio de pago a proveedores, que actualmente se atopa en 239 días e que segue á baixa dende que o actual goberno municipal entrou a xestionar os recursos de todos os pontecesáns e pontecesás.
Outros asuntos tratados no pleno de onte foron a desafectación da escola unitaria de Tallo. A proposta, aprobada polo pleno, reclama á Xunta poder empregar este edificio -actualmente sen uso ao non contar con alumnado- como un local social para toda a veciñanza da parroquia, brindándolles un punto máis de reunión e un lugar onde desenvolver actividades. Tamén se pedirá á Xunta a desafectación de dúas coñecidas como vivendas dos mestres do colexio de Ponteceso, que se empregarán para usos sociais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.