Thursday 21 de November de 2024

O Concello convoca o Lousame Concilia, servizo de conciliación para crianzas nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa


A inscrición deberá formalizarse nos Servizos Sociais de Lousame entre mañá venres 22 de novembro e o 1 de decembro

O Concello de Lousame abre mañá venres 22 de novembro o prazo de inscrición no “Lousame Concilia”, un programa de conciliación familiar que se convoca conxuntamente para os tres próximos períodos de vacacións escolares do período 2024-2025: Nadal, Entroido e Semana Santa. O Concello de Lousame ofrece 20 prazas en cada convocatoria, mentres que as familias poderán optar por anotarse nun, dous ou nos tres períodos ofertados. As inscricións deberán formalizarse no Rexistro Xeral do Concello de Lousame entre o 22 de novembro e o 1 de decembro.

O “Lousame Concilia” é un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 16 anos que ten lugar durante os días laborables dos períodos de vacacións escolares, en horario de 9:30 a 14:30 horas, nas instalacións do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro. O Concello de Lousame convoca 20 prazas para os próximos tres períodos vacacionais: Nadal (9 días: 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro; e 2, 3 e 7 de xaneiro), Entroido (3 días: 3, 4 e 5 de marzo de 2025) e Semana Santa (4 días: 14, 15, 16 e 21 de abril).

Para anotarse, as familias só teñen que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello) e achegar copia completa do Libro de Familia, copia da declaración do IRPF do 2023 ou certificado tributario de imputación de rendas 2023 e a documentación precisa para acreditar calquera dos criterios establecidos para valorar as solicitudes. A maior puntuación (18 puntos) outorgarase aos menores empadroados en Lousame con, cando mínimo, un dos proxenitores e cunha antigüidade de más dun ano. Tamén haberá 8 puntos para nenos e nenas menores de 12 anos e 2 puntos para familias cun nivel de renda inferior a 3 veces o IPREM anual. Finalmente, recibirán 1 puntos as familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, familias con membros con discapacidade, mulleres en situación de desemprego ou maiores de 45 anos, familias con cargas relacionadas cos coidados ou en situación de vulnerabilidade social.

Máis información na Concellería de Igualdade: 981 820 494 ou 689 126 385. “Lousame Concilia” é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado pola Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables.

Deja un comentario