Thursday 21 de November de 2024

Case 1.500 persoas participarán este domingo na Carreira Popular de Novo Mesoiro


A cita deportiva porá o peche ao circuíto Coruña Corre deste ano

Este domingo disputarase a Carreira Popular de Novo Mesoiro, que marcará o peche desta undécima edición do circuíto Coruña Corre, unha iniciativa xa clásica no calendario deportivo anual da cidade e coa que o Goberno de Inés Rey dinamiza, ano tras ano, a programación de actividades de ocio nos barrios. Está prevista a participación de case 1.500 persoas nesta proba.

Están previstos diversos percorridos tanto para as e os participantes na categoría absoluta como para as persoas inscritas en categorías inferiores (sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub 10 e peques). No caso da categoría absoluta está previsto un trazado de 5,5 quilómetros, case na súa totalidade sobre asfalto, con saída ás 10.00 horas desde a contorna do polideportivo municipal de Novo Mesoiro, na rúa dos Ancares. O percorrido seguirá, xa a continuación, ao longo da avenida de Novo Mesoiro, as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra, para enfilar posteriormente polas sendas peonís lindeiras á rúa Illa de Sálvora e volta ás inmediacións do pavillón do barrio. As saídas correspondentes ás categorías inferiores sucederanse de forma progresiva tras a entrega de premios ás e aos competidores na proba absoluta, que terá lugar ás 11.00 horas.

Cómpre lembrar que o Concello habilitará un servizo de gardarroupa nunha carpa habilitada na zona de saída e de meta de 9.30 a 11.30 horas. Ademais, as persoas participantes na proba disporán de auga e avituallamento sólido na súa chegada á meta.

Afectacións ao tráfico
Por outra banda, a carreira levará aparelladas afectacións ao tráfico no barrio de Novo Mesoiro, ao longo do seu percorrido. O peche do circuíto ao tráfico se efectuará 15 minutos antes da saía da proba absoluta. A rúa Ancares permanecerá pechada desde o comezo das labores de montaxe da zona de saída e de meta. Ata as 11.30 horas estará afectado o percorrido principal da carreira, momento no que comezarán a quedar libres e permitirase a circulación nas rúas Fragas do Eume, Ribeira Sacra e no tramo da avenida de Novo Mesoiro que linda con Illa de Sálvora, o que permitirá circular por rúa Convento ata Correlo. A partir das 12.00 horas só quedarán ocupadas as rúas Ancares e Laxe. O transporte público verase afectado en iguais condicións.

Deja un comentario