Thursday 21 de November de 2024

Máis dun centenar de arqueiros participarán este sábado no XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco


O pavillón polideportivo municipal da Gándara acollerá este sábado, día 23, a décimo novena edición do Trofeo Cidade de Narón de Tiro con Arco. Un evento que presentou o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, xunto con Magdalena Bello e Anxo Grandal, presidenta e vicepresidente, respectivamente, do Club Arco Narón.

O torneo, incluído no calendario da Federación Galega de Tiro con Arco, dará comezo ás 9:25 horas, e resultou todo un éxito de convocatoria, con 109 participantes, a cifra máis elevada dos convocados na cidade nesta modalidade deportiva. Os xogadores e xogadoras proceden de un total de dezasete clubs, maioritariamente galegos pero tamén de Madrid e Cataluña. “Estará o mellor arqueiro da historia de España de arco composto de poleas, Alberto Blázquez, a persoa que nos ensinou todo a nós, que só compite en dous sitios de España, un deles con este que foi o seu club”, apuntou Grandal.
“Batimos o récord de participación, teremos en Narón a máis arqueiros e arqueiras que nun campionato galego”, sinalaron dende o club. Así mesmo, destacaron que será unha competición cun gran mulleres participando na categoría absoluta neste deporte, un total de 17. En canto ás categorías, haberá xogadores e xogadoras dende 8 anos ata máis de 50 e haberá dúas modalidades para persoas con deficiencia visual e intelectual.

O concelleiro de Deportes felicitou aos integrantes do club local pola excelente organización e o traballo realizado para manter este trofeo na cidade. Santalla fixo especial fincapé “na aposta do club por contribuír a facer a través do deporte un mundo máis inclusivo, con cabida para todas e todos, seguindo un labor e uns valores que sempre fomentamos dende o Concello”.

Deja un comentario