Thursday 21 de November de 2024

Gonzalo Castro presenta o Ciclo de Coros Galegos, que se celebrará o 1, 14 e 15 de decembro


O evento conmemora o 70 aniversario da primeira visita de Cántigas da Terra á Bretaña en recoñecemento de Galicia como nación celta

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o Ciclo de Coros Galegos, que se celebrará no Teatro Rosalía de Castro os días 1, 14 e 15 de decembro. Esta iniciativa ten como fin a visibilización de colectivos que, como Cántigas da Terra, tratan de recuperar, preservar e divulgar o folclore galego en calquera das súas expresións; incluíndo formatos tan importantes para o folclore como os cuartetos tradicionais e os grupos de baile, que dan conta da riqueza da cultura oral galega. O concelleiro estivo acompañado por Luís Bolón, director artístico do festival.
“O Goberno de Inés Rey mantén moi activa a súa aposta pola nosa cultura, como leva amosando desde 2019 con iniciativas como representar a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient este pasado verán, amosando o traballo que levan a cabo agrupacións como Cántigas da Terra”, sinalou Gonzalo Castro. A presente edición conmemora o 70º aniversario da primeira visita de Cántigas da Terra á Bretaña, cando Galicia obtivo o recoñecemento de nación celta. Como aniversario desta efeméride, preséntase nesta edición unha reflexión sobre o imaxinario atlántico e como éste contribuíu á consolidación de Galicia en clave de país.

Nos actos centrais, que terán lugar no teatro Rosalia de Castro, o público poderá escoitar escoitar ós coros Cantigas e Agarimos e Coral de Ruada. Ademais, participarán o cuarteto Ansuíña, que vén de publicar o seu primeiro traballo discográfico logo de anos alboradas e concertos por todo o país; e o grupo Rebulir, un colectivo que percorre o mundo levando o baile e a música galega alén das nosas fronteiras (incluíndo a pasada edición do Festival Intercéltico de Lorient).

No espectáculo participará o Cadro de Teatro de Cántigas da Terra, que o conducirá dun xeito entretido e didáctico, centrándose na formación do imaxinario atlántico en Galicia e o papel clave que Cántigas e outras agrupacións folclóricas tiveron neste proceso. Como mostra, o público asistente poderá presenciar unha conversa na Cova Céltica ou escoitar algunhas das lendas de Carré Alvarellos.
Ademais, nesta edición farase fincapé no caracter interdisciplinar do evento coa programación paralela da conferencia “Galicia e o panceltismo” de Felipe Senén ou o obradoiro de danzas bretoas, irlandesas e escocesas impartido por Pili Conde. A programación do Ciclo pecharase cun recoñecemento a Xeranio Torreiro, embaixador galego do Festival Intercéltico de Lorient.

Datas
● 1 de decembro, 19.00 horas: Cántigas da Terra, De Ruada e Rebulir

● 14 de decebro, 19.00 horas: Palestra ‘Galiza e o Panceltismo’, de Felipe Senén, e obradoiro ‘Danzas bretoas, irlandesas e escocesas’, de Pili Conde

● 15 de decembro, 19.00 horas: Cantigas e Agarimos, Ansuíña e Santaia

Deja un comentario