A Asociación micolóxica Viriato organiza a próxima semana, coa colaboración do Concello, as “IV Xornadas micolóxicas de Neda”. Trátase dunha actividade gratuíta de iniciación ao mundo dos fungos e dos cogomelos, que se desenvolverá entre o 28 e o 30 de novembro na Casa das palmeiras. Este luns ábrese o prazo de inscrición.
Apuntan dende a organización que, seguindo o esquema de anos anteriores, haberá dúas xornadas cunha compoñente máis teórica, que terán lugar o xoves e venres entre as 19 e as 21 horas, e unha saída final de observación, durante a mañá do sábado.
Quen asista ás xornadas terá a oportunidade de coñecer as diferencias entre fungos e cogomelos; saberá un pouco máis sobre as súas principais características; descubrirá as tipoloxías existentes; e saberá da importancia que teñen para os ecosistemas. Ademais, no cursiño daranse claves útiles para a identificación das variedades de cogomelos comestibles das que son tóxicas.
As explicacións dos expertos de Viriato acompañaranse coa mostra de exemplares. Con todo, será na xornada final, durante a saída de campo (un percorrido dende a área recreativa de Maciñeira e o muíño da Barcia) na que os participantes terán ocasión de comprobar o aprendido.
As persoas interesadas en asistir poderán anotarse ata o día anterior ao arranque da actividade, contactando coa Casa da Cultura de Neda (teléfono 981390233). As prazas son limitadas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.