Sunday 24 de November de 2024

Neda desenvolverá a vindeira semana unha nova edición das súas Xornadas micolóxicas


O próximo luns ábrese o prazo de inscrición nesta iniciativa, froito da colaboración entre a Asociación Viriato e o Concello

A Asociación micolóxica Viriato organiza a próxima semana, coa colaboración do Concello, as “IV Xornadas micolóxicas de Neda”. Trátase dunha actividade gratuíta de iniciación ao mundo dos fungos e dos cogomelos, que se desenvolverá entre o 28 e o 30 de novembro na Casa das palmeiras. Este luns ábrese o prazo de inscrición.

Apuntan dende a organización que, seguindo o esquema de anos anteriores, haberá dúas xornadas cunha compoñente máis teórica, que terán lugar o xoves e venres entre as 19 e as 21 horas, e unha saída final de observación, durante a mañá do sábado.

Quen asista ás xornadas terá a oportunidade de coñecer as diferencias entre fungos e cogomelos; saberá un pouco máis sobre as súas principais características; descubrirá as tipoloxías existentes; e saberá da importancia que teñen para os ecosistemas. Ademais, no cursiño daranse claves útiles para a identificación das variedades de cogomelos comestibles das que son tóxicas.

As explicacións dos expertos de Viriato acompañaranse coa mostra de exemplares. Con todo, será na xornada final, durante a saída de campo (un percorrido dende a área recreativa de Maciñeira e o muíño da Barcia) na que os participantes terán ocasión de comprobar o aprendido.

As persoas interesadas en asistir poderán anotarse ata o día anterior ao arranque da actividade, contactando coa Casa da Cultura de Neda (teléfono 981390233). As prazas son limitadas.

Deja un comentario