O 20 de novembro celébrase a aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno en 1959 e a da Convención dos Dereitos da Infancia das Nacións Unidas do ano 1989, que está considerada como a declaración de tipo político e sobre dereitos civís de maior consenso mundial… aínda que, 35 anos despois, as nenas e nenos seguen sendo vítimas en moitos países do mundo de todo tipo de maltratos, da pobreza, da fame, das guerras e da falla dunha protección que todas e todos deberían ter garantida. Esa é a realidade a pesar dos avances que se conseguiron e se conseguen aos poucos día a día, en parte gracias á concienciación que se fai aínda máis patente en datas coma a do 20N. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño e a Asociación Cultural Brío organizaron para a tarde do sábado o obradoiro creativo “Sementamos os nosos dereitos” que, en certo modo, será complementario da presentación organizada pola asociación veciñal de Lamas do estudo de Nerea Calvo sobre as repercusións da implantación da conserveira El Cisne sobre a vida das mulleres de San Sadurniño.
“Sementamos os nosos dereitos” está concibido como un taller creativo que promova a reflexión da rapazada sobre cales son eses dereitos que a sociedade lles debería garantir e que en moitos casos, sobre todo nos países máis pobres, non contan suficiente protección.
A actividade estará dividida en dous grupos. Un, de 3 a 7 anos, contaralles un conto ás crianzas para que se vaian familiarizando cos seus dereitos, que logo se converterán en pequenas manualidades representativas de cada un deles.
O outro grupo, dos 8 anos en diante, participará nun faladoiro que repasará e reflexionará sobre os dereitos que teñen como nenas e nenas, atendendo principalmente ao dereito de que as súas opinións e achegas sexan escoitadas polas persoas maiores e por quen teñen a responsabilidade de tomar decisións. Trátase de que as propostas da infancia importen e se teñan en conta para mellorar a vida no noso concello.
Os dous grupos construirán, para rematar, unha árbore que recollerá os distintos dereitos, como conseguilos, como melloralos, ferramentas, reflexións, etc. e, tan pronto como a árbore estea confeccionada, a rapazada buscará un lugar para expoñela, seguramente no acceso principal da Casa do Concello.
O obradoiro é gratuito e require inscrición previa no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no 695 876 178. Desenvolverase na Casa da Cultura entre as 16:45 e as 18:45h. A elección da hora non se fixo ao chou, senón que atende a unha razón, tal e como explica a técnica de Igualdade Oriana López Castiñeira: “puxemos este horario pensando na actividade que comezará ás 17:00h no local social do Chao organizada pola AVV Xuntanza de Lamas. Se lles presta, as familias poden deixar as crianzas no obradoiro e participar na presentación do interesantísimo estudo feito por Nerea Calvo sobre as repercusións na vida das mulleres da instalación de El Cisne no noso municipio”.
E é que este sábado 23 de novembro a AVV Xuntanza de Lamas organiza ás 17:00h unha charla e un coloquio de presentación do traballo de investigación “A conserveira El Cisne e o seu impacto socioeconómico e cultural na vida das mulleres de San Sadurniño 1986-1995”, obra da graduada en Historia Nerea Calvo Beceiro, veciña de Lamas.
A investigadora realizou recentemente o mestrado de Servizos Culturais na Facultade de Humanidades e obtivo unha das bolsas Campus Terra, co obxectivo de levar a cabo o seu estudo dentro do grupo HISTAGRA da USC. O traballo ofrece unha visión sobre os cambios producidos nos fogares en canto a roles e distribución dos tempos trala instalación da conserveira El Cisne, na que traballaron maioritariamente mulleres.
Calvo Beceiro compartirá o encontro coa pontesa Manuela Vilaboy Romero, educadora e experta en igualdade e intervención con vítimas de violencia. Tras botar case dúas décadas no Concello de Xermade como educadora familiar, Vilaboy Romero incorporouse á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, onde foi responsable da unidade de violencia contra a muller. Como funcionaria estatal, asumiu hai uns meses a Xefatura do servizo contra a violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno en Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.