Tuesday 19 de November de 2024

O Coworking da Pobra recibe a visita de alumado do IES Espiñeira


Nova xornada de encontro no Coworking da Pobra con alumnado de centros educativos. Catorce estudantes do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Espiñeira pasaron neste 19 de novembro polo centro de traballo colaborativo pobrense; unha xuntanza enmarcada no Campus de Emprendemento que se desenvolve nestas instalacións.

Ao igual ca sucedeu na semana pasada coa visita do CIFP Coroso, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a responsable da asistencia técnica do Coworking da Pobra, Fátima Rodríguez, foron as encargadas de recibi-lo estudantado. Cerecedo trasladoulles os recursos materiais que pon o Concello á disposición da cidadanía co obxectivo de favorece-lo espírito emprendedor, ademais do apoio técnico en todo o proceso de posta en marcha dun negocio. A este respecto, Fátima Rodríguez, precisou que se ofrece asesoramento e acompañamento integral dende o inicio da andaina empresarial. De feito, non é necesario facer uso do propio espazo para solicitar orientación.

Deseguido asistiron a un taller sobre habilidades sociais para emprender da man de Verónica Rodríguez, socia da consultora Promove, focalizado na importancia da colaboración, do traballo en equipo e de establecer sinerxías. E, a través da actividade Café con…, coñeceron a experiencia da cooperativa de marketing dixital Kracia.

Ofrecéronselle así actividades adaptadas ao seu perfil e formación; un valor engadido destes campus vivenciais que se erixen como fórmula para promove-lo autoemprego como opción de futuro no mundo laboral para a mocidade.

O Coworking da Pobra botou a andar no 2017 e consta de dous espazos: o Emprende, destinado a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o Nómades, dirixido a quen utilice o centro de xeito puntual. En 2022, formalizouse a integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo: https://redecoworking.pel.gal/.

Deja un comentario