Tuesday 19 de November de 2024

O Concello de Neda activa a reserva e a venda anticipada de entradas para a obra “Heroínas cotiás”


A Casa da Cultura acollerá este venres, a partir das 20.30 horas, a representación de “Heroínas cotiás”. No marco da programación especial, deseñada polo Concello de Neda para conmemorar o 25 N, a compañía de teatro Muiñieras do Vento porá en escena esta obra, que reivindica a afouteza da muller no día a día. Vén de activarse a reserva e venda de localidades.
A proposta do grupo ferrolán, vencellado á Asociación cultural Muíño do Vento de Canido, constitúe un repaso pola historia de Ferrol a través das súas mulleres; unhas anónimas, e outras ilustres como Concepción Arenal, pero todas loitadoras.
A peza, dirixida por Agustín Bolaños, supón “unha visita ás vidas dunhas mulleres que, como todas, son as heroínas da súa vida”. Forman parte do elenco Alba Valiño, Charo Rocha, Keny Rocha, Sol Seoane, Esther Estévez, Chus García, Sabela Folgar, Patri Pérez, e Patricia Marta. E con elas colabora a percusionista Icía Dopico.
As entradas, que teñen un coste de 2 euros, poden reservarse chamando, en horario matinal, ao teléfono da Casa da Cultura (981390233), onde tamén se poden retirar de forma anticipada. A billeteira abrirase dúas horas antes do arranque da función. A obra inclúese no programa Tempo para o teatro, como parte das propostas do 25 N, e chega á vila co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Deja un comentario