O Goberno de Inés Rey dá continuidade ao seu plan de reforzo e mellora das infraestruturas deportivas ao aire libre, potenciando as que xa había a carón do areal de Oza e sumando equipamentos no parque de Vioño
O Concello avanza no plan de mellora e reforzo das infraestruturas deportivas ao aire libre na cidade, que desde esta semana contan cun novo espazo para a práctica de calistenia no parque de Vioño, onde xa remataron as obras previas á apertura desta área na que as persoas usuarias poden realizar exercicio co seu propio peso corporal.
Os novos equipamentos xa están habilitados ao uso da cidadanía no sector noroeste do parque, aproveitando un anel con firme de area que, anteriormente, estaba infrautilizado. Como paso previo á intervención, o Concello acoutou a superficie de actuación e xa, a posteriori, os operarios municipais procederon á sinalización dos puntos onde se habilitaron os circuítos de adestramento, xa dispoñibles.
En paralelo, o Goberno de Inés Rey tamén aproveitou esta quenda de traballos para impulsar a ampliación dos circuítos de calistenia e exercicio físico existentes a carón da praia de Oza. Esta medida levouse a cabo a instancias das solicitudes das e dos usuarios, dado que é un dos equipamentos deportivos ao aire libre con máis uso diario dos que ten habilitado o Concello.
A aposta pola ampliación das infraestruturas de calistenia na Coruña vén sendo unha constante nos últimos anos, atendendo á demanda existente, con énfase entre a mocidade. Previamente, xa se habilitaron espazos similares na rúa Alcalde Jaime Hervada (O Ventorrillo), nos xardíns lindeiros ao pavillón polideportivo municipal do Barrio das Flores e tamén preto da praza José Toubes, en Catro Camiños, onde se habilitou unha área deportiva este mesmo ano.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.