Auga saturada de sal, particularmente aquela en que se conservan carnes, peixes e outros alimentos, este elemento foi crucial para o desenvolvemento de Ribeira a finais do século XIX e con iso a súa pegada na arquitectura, os almacéns e as fábricas de salgadura deseñaron a fachada marítima de Ribeira, onde hoxe se aprecian edificios grandes e altos; antes eran almacéns ou fábricas. Con este relato facemos un fío condutor que remata cun diálogo coa Ribeira do século XXI.
Hoxe presentouse esta iniciativa da concellaría de Cultura que aspira a ter a súa continuidade no tempo, á presentación acudiron, o rexedor Luís Pérez, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, o deseñador gráfico Bernardo Paz e a pintora e muralista, Raquel Germade.
Nesta I edición de “Salmoira Festival Mural” faranse tres murais en fachadas de Ribeira pintadas polas artistas Raquel Germade na zona do aparcadoiro de Avesadas, Fernando Yáñez (ART for DENT, asociación da enfermidade de Dent) na rúa de Galicia e Nove Noel (Rianxo) en Banda ao Río; onde se establecerá ese diálogo co pasado da cidade e a sensibilidade muralista contemporánea.
A concelleira Antía Alberte sinalou que é un proxecto no que se leva traballado moitos meses xunto co deseñador, Bernardo Paz (Ribeira) e co muralista Nove Noel (Rianxo). “O nome do proxecto fai referencia a poñer en valor ese patrimonio histórico, industrial e pesqueiro da cidade e paralelamente dar a coñecer todo o potencial artístico de Galicia no tema do muralismo” destacou. Non só haberá murais senón tamén terán cabida obradoiros para a cativada, relatorio, documentais e demais accións segundo informou.
A argamasa deste proxecto é humanizar Ribeira, como cidade con patrimonio industrial, “encher Ribeira de murais servirá para poñer en poñer en valor a cultura do mural e o patrimonio histórico industrial da salgadura até a actual cultura da conserva”.
“Ademais contrubuirá a restaurar moitos espazos que temos na cidade que pasan desapercibidos como o que teño ás miñas costas coa figura do fillo predilecto de Ribeira, Manuel Ayaso”.
Unha vez rematadas as intervencións farase unha mesa-coloquio na Casa da Xuventude para que toda a veciñanza interesada poida establecer unha conexión cos actores principais do proxecto e poder aportar ideas ou inquedanzas.
Por outra banda Alberte felicitou especialmente aos veciños e veciñas de Ribeira que foron receptivos con este evento cultural.
Para rematar o alcalde, Luís Pérez Barral, manifestou o agradecemento a tódolos implicados no proxecto “con Salmoira queremos festexar a cultura e sobre todo cambiar a percepción dos entornos, porque sabemos que a arte urbana ten a capacidade de contar historias de conectar persoas e incluso de cambiar a nosa percepción sobre elementos urbanísticos degradados e por tanto, dende o Concello de Ribeira propuxémonos de botar a andar unha iniciativa única neste concello mediante a cal poidamos contar historias da nosa vila para o mundo. “Con este evento cultural o que pretendemos é transformar eses deseños urbanísticos que se fixeron no pasado e que teñen un impacto visual grande na nosa contorna para darlles a volta e poñelos en positivo coas historias do noso concello” concluíu.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.