• O alcalde e o xefe territorial de Educación comprobaron hoxe o resultado dos traballos de mellora no auditorio e a biblioteca por un importe total que rolda os 160.000 euros.
• Ademais, trasladouse a necesidade de levar a cabo unha mellora nas aulas a través da reparación de alicatados e o pintado destas
Esta mañá, o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, xunto co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitaron o IES de Viós para revisar as recentes reformas na biblioteca e o auditorio do centro. Estas melloras, enfocadas en modernizar a contorna de aprendizaxe e crear espazos máis funcionais, responden o compromiso do Concello de Abegondo coa calidade da educación no municipio.
A biblioteca do instituto foi completamente renovada, dotándoa de mobiliario moderno e adaptado para o estudo e a lectura. Cun investimento aproximado de 60.000 euros, esta intervención transformou o espazo nun ambiente ideal para fomentar o hábito da lectura e o estudo entre os estudantes, garantindo comodidade e funcionalidade.
Pola súa banda, o auditorio do IES de Viós, con capacidade para 140 persoas, experimentou tamén importantes melloras. Os antigos asentos foron substituídos por novos nas cores do centro, achegando un sentido de identidade visual e cohesión. Ademais, substituíronse as persianas por estores modernos e engadíronse atrís e outros elementos necesarios para a celebración de actividades académicas e culturais. Neste proxecto, o Concello de Abegondo investiu ao redor de 100.000 euros.
Durante a visita, o alcalde e o xefe territorial de Educación discutiron outras necesidades de mellora no instituto, como a pintura de aulas e a reparación de alicatados no piso superior, para os cales se estima un investimento adicional de 40.000 euros.
“Queremos que tanto o profesorado como o alumnado dispoñan dos recursos necesarios para unha educación de calidade”, destacou José Antonio Santiso.
Proposta de zona verde no CEIP San Marcos
Ademais de visitar o IES de Viós, o alcalde Santiso e o xefe territorial de Educación trasladáronse ao CEIP de San Marcos, acompañados pola directora do centro, para avaliar un proxecto de colaboración co goberno autonómico enfocado na creación dunha zona verde no patio escolar.
Este proxecto ten como obxectivo transformar o actual patio de formigón nun espazo verde máis atractivo e funcional, que non só proporcione unha contorna lúdica e natural para os estudantes, senón que tamén impulse unha educación ambiental máis práctica. Dentro desta intervención, prevese a instalación de hortos escolares onde os nenos e nenas poidan aprender sobre o cultivo e a sustentabilidade.
Con estas iniciativas, o Concello de Abegondo reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas escolares e coa creación de contornas educativas de calidade para todos os alumnos do municipio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.