Aprobada tamén unha segunda addenda ao convenio entre o Concello de Carballo e Augas de Galicia para reducir o risco de inundación no río Anllóns
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns a adxudicación provisional de 592 nichos e 38 columbarios no cemiterio municipal, un primeiro paquete dentro do proceso en marcha. No prazo habilitado entre os meses de marzo e abril recibíronse 246 peticións, a maior parte de persoas que tiñan feito a solicitude con anterioridade, e que puideron ser atendidas na súa totalidade.
A diferenza entre os 734 nichos solicitados e os 592 adxudicados responde a solicitantes que ou ben renunciaron á concesión finalmente ou ben non fixeron efectivo aínda o ingreso correspondente. No caso dos columbarios foron adxudicados todos os solicitados.
O Concello de Carballo está a traballar xa nunha nova ampliación para poder atender as solicitudes novas que non tiveron cabida neste proceso. De feito, o proxecto completo de ampliación do cemiterio inclúe 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.
Outros acordos
Na sesión ordinaria deste luns tamén foron aprobadas varias licenzas de obra, entre elas unha para unha pensión dunha estrela en San Miguel de Vilela e outra para unha nave de fontanaría no polígono de Bértoa; ademais da solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para o festival de arte pública Rexenera Fest 2025, facturas de gasto, vaos ou unha segunda addenda ao convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para ampliar a súa vixencia ata o 31 de decembro do 2026 e o orzamento ata 6.369.463,81 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.