En 2025 faranse outros dous murais dentro do mesmo proxecto que é impulsado polo Concello e o GALP Costa da Morte.
Caión estrea os dous murais que xa embelecen os espazos públicos da vila. Ambos traballos foron presentados hoxe nun acto público polos artistas que os compuxeron e plasmaron sobre a medianeira dun edificio da Avenida da Laracha e sobre a grúa do porto, Yoseba MP e Pelucas Pilas Bubbles respectivamente.
O primeiro punto de encontro foi a Avenida da Laracha, na entrada á vila. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que esta iniciativa forma parte do proxecto O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro impulsado polo Concello e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte, representado no acto polo seu presidente, Evaristo Lareo, e o xerente, Guillermo González. O rexedor mostrouse moi satisfeito co resultado, felicitou aos artistas polo seu traballo “extraordinario” e agradeceu ao fotógrafo Marcos Rodríguez a cesión da instantánea principal do mural que adorna a medianeira do edificio.
Nese mural aparecen dúas veciñas de Caión: Josefa en primeiro plano suxeitando un pinto de gran tamaño e Maruja, en segundo plano, transportando coa testa un cesto de peixe. Yoseba MP explicou que “nun principio ía debuxar unicamente a foto de Marcos Rodríguez coa imaxe impoñente de Josefa”, pero segundo ía realizando o mural decatouse de que na parte esquerda encaixaba á perfección a figura de Maruja achegada nunha fotografía de Antón, un veciño de Caión. O artista asegurou ter quedado “moi contento co cambio do deseño que fixen sobre a marcha” para que aparecesen as dúas mulleres. Yoseba MP, co financiamento do Concello, tamén firmou recentemente outro mural nun edificio da Avenida Fisterra da capital municipal que vai ser presentado en próximas datas.
Tralo desprazamento ata a zona portuaria, Pelucas Pilas Bubbles fixo unha explicación do mural realizado sobre a grúa, que presenta un concepto radicalmente diferente ao anterior combinando “a cor con abstracción e imaxes reais con fotografías antigas do pobo” nun “collage que abarca temas artísticos, pictóricos, o pop, o mar, os mariñeiros, o surrealismo… un cúmulo de historias que se poden relacionar pero abertamente, para que cada persoa poida facer a súa interpretación”. O artista considera que “o arte é imitar a natureza e realzar o natural, e Caión naturalmente é unha marabilla”.
O proxecto O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro prevé a elaboración doutros dous murais en 2025, a instalación no paseo marítimo tanto da ruta Self-Caionízate, con estruturas que permitirán realizarse autorretratos, como de letras corpóreas de Caión para resaltar a identidade desa localidade, e as actividades de educación ambiental e exposicións xa realizadas a finais de verán.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.