Monday 18 de November de 2024

Belén do Campo supervisa obras de reforzo de firme na estrada AC-546 nos concellos de Negreira, A Baña e Santa Comba


― Os traballos nesta vía autonómica estanse levando a cabo durante estes días entre as 8,30 e as 18,30 hrs. regulándose a circulación polo carril libre mediante semáforo

― Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo, de acondicionarase do firme nun total de 7 estradas autonómicas, que discorren polos concellos da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes

― A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, supervisou, esta mañá, as obras de acondicionamento do firme na estrada autonómica AC-546 ao seu paso polos concellos de Negreira, A Baña e Santa Comba.

A representante do Goberno autonómico explicou que os traballos que se están a desenvolver estes días nesta estrada consisten en fresados localizados e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas da vía obxecto desta intervención.

Durante a execución desta intervención poderase circular polo carril libre nos treitos nos que se estea traballando, regulándose o tráfico alternativo de vehículos por semáforos. Os traballos realizaranse entre ás 8:30 a 18:30 horas.

Trátase de seguir avanzando nas obras que está a desenvolver a Xunta baixo un contrato máis amplo, nun total de 7 estradas autonómicas, nas que se inclúen a estrada AC-546 ao seu paso por estes tres concellos, e outros 8 máis da provincia da Coruña, cun investimento de máis de 3,6 M€.

En concreto, baixo este contrato está a acondicionarse o firme en varios treitos das estradas AC-300, AC-303, AC-406, AC-432, AC-546, AC-550 e AC-552, que discorren polos municipios de Negreira, A Baña, Santa Comba, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Val do Dubra e Outes.

Todas as intervencións de acondicionamento do firme completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

Belén do Campo lembrou que onte conmemorouse o Día Mundial en Lembranza das Vítimas de Accidentes, nesta liña apuntou que “para o Goberno galego é unha preocupación constante que as estradas da nosa competencia estean nas mellores condicións que garantan a maior seguridade viaria, tanto para os usuarios de vehículos, coma para peóns e ciclistas”.
Ademais, sinalou que a Administración autonómica ten en marcha, en colaboración con colectivos e co resto das administracións o “Plan de Seguridade Viaria 2022-2025. Visión cero”, que persigue a eliminación de falecidos e feridos graves provocados polos accidentes de tráfico para o ano 2050 e cunha folla de ruta que aborda diversas liñas de traballo que inclúen o plan de reforzos de firmes, o Plan de Sendas ou tamén a formación.

Medidas que, como citou, van acompañadas dun respaldo orzamentario. Neste senso, no 2024 a Xunta incrementou nun 8% as partidas específicas e concretas para conservación das estradas autonómicas, dedicando a este fin 53M€. Nos orzamentos do 2025, a aposta pola seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes, volve tamén a ser un eixo fundamental, con máis de 68M€, un 30% máis que neste ano

Deja un comentario