O centro sociocomunitario de Ponte Carreira (Frades) acolleu unha reunión dun dos grupos de traballo da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero da Mancomunidade de Ordes. Un encontro organizado polo Centro de Información á Muller da Comarca de Ordes, en colaboración cos Servizos Sociais do Concello de Frades, durante o que se abordaron cuestións clave nas intervencións de violencia de xénero en situacións de emerxencia.
O concelleiro de Sanidade de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, foi o encargado de recibir e agradecer a asistencia de todas as persoas participantes, entre as que estaban a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, Manuela Vilaboy, así como persoal técnico dos Servizos Sociais dos sete concellos da comarca ordense (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) e integrantes das Fozas e Corpos de Seguridade (Policía local de Cerceda e de Tordoia así como do Equipo de Violencia de Xénero da Garda Civil).
Esta foi a segunda reunión destes grupos de traballo, reunidos o pasado xoves no centro sociocomunitario de Ponte Carreira. A primeira celebrouse en Cerceda o pasado mes de maio e nela participaron, a maiores, persoal dos centros de saúde e centros educativos da comarca. Nesa ocasión compartíranse experiencias e traballouse na detección de necesidades para crear oportunidades de mellora na loita contra a violencia de xénero e na mellora da atención ás vítimas que a sofren.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.