
A veciñanza da parroquia xa conta cunha nova infraestrutura para agardar acubillo ao autobús
A mellora foi executada con fondos propios das arcas municipais
O Concello de Paderne continúa co seu plan de mellora do mobiliario ao longo de todo o municipio. Nos últimos días, os operarios municipais veñen de rematar a instalación da nova marquesiña situada na parroquia de Vilamourel.
A instalación dunha nova caseta protectora para agardar acubillo ao autobús era unha das necesidades máis importantes da parroquia, xa que o anterior elemento atopábase en malas condicións. Ás deficiencias na bancada, uníanse a ausencia dun firme que non fose a propia terra e unha chapa estrutural con importante desgaste polo paso do tempo.
Mentres, a nova marquesiña instalada é de madeira tanto no banco como na súa estrutura, conta con dúas pequenas fiestras nos laterais e está instalada sobre unha plataforma de cemento. Todas estas condicións dotan ao novo elemento de mobiliario urbano das condicións axeitadas para garantir a comodidade e a seguridade das persoas que nel agardan o paso do autobús, que o Concello de Paderne ofrece de xeito gratuíto para a veciñanza no territorio municipal dentro do seu servizo de transporte de viaxeiros.
A mellora foi executada con fondos propios das arcas municipais e é un paso máis dentro do plan de ir modificando o vello mobiliario para dotar a Paderne non só dunha mellor imaxe, senón de elementos cunha maior funcionalidade tanto nos núcleos máis urbanos como nas zonas máis rurais.