Cestería, macramé, cerámica, madeira e xabóns integraron a oferta dos obradoiros de artesanía Feito coas túas mans; unha iniciativa da Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal para potencia-la creatividade da veciñanza, dinamiza-los centros socioculturais e dar a coñece-lo traballo de artesáns da contorna.
“O éxito foi espectacular. Enchemos a capacidade de tódolos obradoiros nun par de horas dende o momento do seu lanzamento”, apunta a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo. Dada a demanda existente, o programa finalizará cunha edición especial focalizada no Nadal. A edil explica que estes catro novos talleres se realizan en colaboración con Artesanía de Galicia, pois “empregamos esta entidade para captar artesáns de toda Galicia porque queremos non só aprender a facer cousas, senón tamén dar a coñece-la actividade de todas esas persoas que están recuperando profesións tradicionais e a elaboración de obxectos de maneira manual que se estaban perdendo.”
Como pez en el agua ensinará sobre a elaboración de adornos de Nadal, do 25 ao 28 de novembro; Amor o Teu impartirá estampaxe, do 2 ao 3 de decembro; Latonta y Larubia dará clases sobre esmaltado en po sobre metal, en cocción a baixa temperatura, do 4 ao 5 de decembro; e a confección de bonecas de trapo virá da man de Wooding, do 9 ao 12 de decembro.
Todos estes talleres desenvolveranse na Casa Mariñeira, situada no parque do Castelo, en horario de 18.00 a 20.00 horas.
As prazas son limitadas, polo que é necesaria a inscrición previa a través do enderezo electrónico obradoirosnapobra@gmail.com a partir do 19 de novembro. Deberanse proporciona-los seguintes datos: o nome, os apelidos, o teléfono de contacto e o taller no que se quere participar. Unicamente se pode acceder a un obradoiro, aquel indicado como preferencia. En caso de apuntarse en varios, quedarase en lista de agarda nos restantes, e, de haber vacantes, cubrirase por orde de reserva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.