Monday 18 de November de 2024

A Xunta anuncia que o sector da lousa contará cunha vogalía no Consello da Minaría de Galicia


— O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausura a xornada sobre Estratexias de prevención e loita contra as enfermidades profesionais no Centro Tecnolóxico da Pizarra en Ourense

— Destaca o apoio da Xunta que, nos últimos sete anos, leva concedidos 4,3 M€ para minorar o po de sílice neste sector e, así, mellorar a seguridade e saúde dos traballadores

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, anunciou esta mañá que o Consello da Minería de Galicia contará, por lei, cunha vogalía en representación do sector louseiro. No seno deste consello, avanzou, un dos primeiros grupos de traballos centrarase na seguridade e saúde laboral, constituíndo un dos eixes da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030. Fernández Vila realizou estas manifestacións no transcurso da clausura da xornada sobre Estratexias de prevención e loita contra as enfermidades profesionais no Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Carballeda de Valdeorras (Ourense).

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas destacou o esforzo da Xunta na loita contra as enfermidades profesionais no sector da lousa e a aposta pola mellora da seguridade e saúde laboral ata acadar o risco cero. Neste senso, Pablo Fernández lembrou que nos últimos sete anos, o Goberno galego concedeu 4,3 millóns de euros en 68 axudas ao sector da lousa para minorar o po de sílice cristalina nas contornas laborais e, así, mellorar a seguridade e saúde dos seus traballadores. Para a Administración autonómica este obxectivo é unha prioridade, polo que, tal e como avanzou o director xeral, dará continuidade ás axudas para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.

Para rematar, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas puxo en valor o sector da lousa e resaltou o importante motor económico que supón para a Comunidade galega. Por iso, concluíu, a Administración galega quere traballar xunto ao sector para facilitar un emprego seguro e de calidade, en liña coa Galicia verde e sustentable que impulsa a Xunta de Galicia.

Deja un comentario