Monday 18 de November de 2024

A Xunta impulsa a formación sobre prevención de riscos laborais en traballos en altura


— O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desenvolve entre novembro e decembro unha programación específica dirixida a alumnado de formación profesional

— Os cursos teñen unha duración total de 6 horas lectivas, 5 das cales son de carácter práctico e contarán cun máximo de 15 alumnos/as por edición

— A iniciativa realízase no marco do labor formativo que leva a cabo a Xunta para acadar contornas laborais máis seguras e con persoal máis cualificado, colocando a saúde laboral e o coñecemento como eixos básicos da dinamización económica

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, reforza a súa oferta formativa en prevención de riscos laborais coa impartición dunha programación de cursos sobre técnicas e sistemas aplicables a traballos en altura, dirixido ao alumnado de formación profesional de diversos ciclos formativos relacionados con esta temática.

O obxectivo destes cursos -que se desenvoven entre os meses de novembro e decembro en diferentes centros formativos de Galicia- é a adquisición dos coñecementos fundamentais sobre os riscos e as medidas de seguridade que hai que ter en conta antes e durante o uso da escada e para a súa correcta colocación. A iniciativa realízase no marco do labor formativo que leva a cabo a Xunta para acadar contornas laborais máis seguras e con persoal máis cualificado, colocando a saúde laboral e o coñecemento como eixos básicos da dinamización económica.
Os seus destinatarios principais son o alumnado de formación profesional das ramas nas que estes riscos están máis presentes, como instalacións de telecomunicación, térmicas e mantemento industrial, enerxías renovables, obras de interior, decoración e rehabilitación ou electricidade e electrónica. Deste xeito, poden abordar os riscos específicos das actividades que realizarán como futuros profesionais, o que lles permitirá anticiparse e reaccionar de xeito preventivo.
Formación práctica
Os cursos teñen unha duración total de 6 horas lectivas, 5 das cales son de carácter práctico e contan cun máximo de 15 alumnos/as por edición. Dentro do programa formativo inclúense conceptos básicos da seguridade e a prevención de riscos nos traballos en altura, a identificación de equipos de traballo específicos, tipos de equipos de protección individual (EPI) e sistemas de protección contra caídas, instalación de liñas de ancoraxe temporal, utilización de pértega de seguridade, a colocación da escada de man ou o rescate de operarios, entre outros contidos.

Entre a documentación técnica que se entrega ao alumnado figura tamén a campaña específica do Issga sobre prevención de riscos nas escadas.

Deja un comentario