Monday 18 de November de 2024

A Coruña e San Sebastián reivindican a extensión e priorización das redes ferroviarias no espazo atlántico


Rey destaca o compromiso das cidades atlánticas coa cooperación e a sustentabilidade para ser máis competitivas no espazo europeo

A Coruña inicia a presidencia de Atlantic Cities cun encontro de traballo na Coruña ao que asistiron representantes das principais cidades da rede

A Coruña acolleu esta mañá unha xornada institucional liderada pola alcaldesa, Inés Rey, que marcou o traspaso de presidencia da rede de cidades atlánticas ‘Atlantic Cities’, asumida despois do mandato de Eneko Goia Laso, alcalde de Donostia/San Sebastián.
Ambos explicaron a importancia de dar continuidade aos cinco grupos de traballo da rede, incluíndo o de gobernanza atlántica e o proxecto de gastronomía atlántica, onde colabora o Basque Culinary Center na definición da dieta e despensa atlántica.
Rey sinalou que esta nova etapa reforza o obxectivo de fomentar unha comunicación máis directa e unha cooperación máis estreita entre as cidades. “O contacto directo entre os membros da rede é esencial para estreitar lazos e avanzar en proxectos comúns”, subliñou.

A alcaldesa destacou o compromiso da rede pola sustentabilidade en concreto en materia de turismo e o papel de A Coruña como cidade anfitriona como principal cidade do arco atlántico, coordinando a acción e cooperación entre as grandes cidades atlánticas de Portugal, Francia, Irlanda e España.
Pola súa banda, o alcalde de San Sebastián salientou a creación dun grupo específico de traballo en materia de transporte co Corredor Atlántico como eixe, co obxectivo de mellorar as redes ferroviarias no espazo atlántico. Ambos reivindicaron a necesidade que se priorice e extenda este corredor para promover unha verdadeira cohesión territorial en Europa.

Como presidenta de Atlantic Cities, Rey liderará o Plan de Acción 2024 que ten como principais eixos o reforzo dos lazos e posicionamento dos territorios a escala internacional co turismo sostible como modelo, e a posta en marcha dun blue deal a escala europea, ademais traballarán na gobernanza territorial do espazo atlántico mediante o seguimento dos proxectos europeos de desenvolvemento rexional.
A rede participa ademais en proxectos de carácter europeo: WINBLUE, para o empoderamento das mulleres na economía azul; o POST, para o desenvolvemento do turismo sostible policéntrico; e o ESPON, sobre o desenvolvemento da macro rexión atlántica.

Atlantic Cities

A rede Atlantic Cities, fundada o 7 de xullo do ano 2000 coa Declaración de Rennes, é unha organización sen ánimo de lucro destinada a promover a cooperación entre as cidades da rexión atlántica.
O obxectivo principal é apoiar un desenvolvemento común para as cidades do arco atlántico, servindo de intercambio de experiencias entre cidades similares en materia de turismo e planificación urbana.
Representa a unha poboación de máis de 3 millóns de habitantes ante a Unión Europea e está formada por 17 cidades e áreas urbanas de catro países europeos (Irlanda, Francia, España e Portugal): Biarritz, Bilbao, Braga, Brest Métropole, Cork, A Coruña, San Sebastián, Faro, Gijón, a Deputación Foral de Gipuzkoa, Lisboa, Rennes Métropole, a Comunidade urbana da Rochelle, Las Palmas de Gran Canaria, Santander, Santiago de Compostela e Viana do Castelo.

Deja un comentario