Monday 18 de November de 2024

Apostando polo sector primario, “Bravú XXX” e derbi local, propostas de lecer para esta fin de semana en San Sadurniño


O domingo tamén vai desenvolverse un obradoiro de defensa persoal para mulleres, dentro da programación municipal do 25N

A programación dos distintos departamentos municipais de San Sadurniño concentrou nesta fin de semana varias actividades, nuns casos relacionadas co desenvolvemento local, noutras co lecer ou mesmo coa igualdade, xa que o domingo vai desenvolverse o curso de autodefensa persoal para mulleres encadrado nas propostas con motivo do 25N, que pecha hoxe mesmo o prazo de inscrición. Así, este venres e máis o sábado temos as dúas últimas charlas do ciclo Apostando polo sector primario, o sábado tamén se proxecta na Casa da Cultura o documental “Bravú XXX” sobre este movemento cultural e musical que revolucionou o país a mediados dos noventa e, ademais, o domingo pola tarde toca “o noso derbi”, co enfrontamento ligueiro entre a UDC Narahío e o CF San Sadurniño loitando polos primeiros postos da táboa.

O repaso da axenda da fin de semana comeza deténdose na Casa da Xuventude este venres a partir das 19:00h cunha nova charla do ciclo “Apostando polo sector primario”, organizado polo Concello coa colaboración da Asociación Casa do Mel, da AGFA do Eume e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. A sesión abordará a situación actual e as perspectivas de futuro da fruticultura na nosa comarca, da man do profesor e investigador do CIAM Tonecho Meixide.

O programa arredor do desenvolvemento rural rematará o sábado con dúas novas charlas. Ás 10:00h coñeceremos a experiencia do proxecto EoAlimenta, desde o que se está construíndo unha estratexia agroalimentaria de proximidade na biorrexión do Eo, dacabalo entre Asturias e Galicia. Falará Eva Quiroga, coordinadora da iniciativa. A segunda charla, prevista para as 12:00h, contará en primeira persoa e desde dentro como está funcionando o Centro de Transformación agroalimentaria A Fusquenlla, cos testemuños das produtoras Carmen Caínzos (Ay! Carmen) e Cynthia Arias (Bieiteiras), ademais da elaboradora para autoconsumo Susana Senra. Ao remate da charla visitaranse as instalacións do centro, situado no recinto feiral de Moeche.

O sábado, xa pola tarde (19:30h, Casa da Cultura), poderemos asistir á proxección do documental “Bravú XXX”, producido por Nós Televisión para celebrar o 30º aniversario do movemento bravú, co respaldo da Deputación da Coruña.

A peza segue a Xurxo Souto, exlíder dos Diplomáticos de Monte Alto, nunha ruta polo pasado e presente do bravú, incluíndo entrevistas con artistas que marcaron e herdaron este movemento, como Paola Beiro, Nuno Pico, Sés e Xosé Manuel Pereiro. Un proxecto que rescata a historia da música que revolucionou á rapazada galega a empezos dos anos 90 do século pasado. Poden reservarse entradas -gratuítas- no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

O noso derbi en Naraío
Esta fin de semana teremos o primeiro enfrontamento da temporada 2024-25 entre a UDC Narahío e o CF San Sadurniño. Será o domingo a partir das 16:15h no campo da Veiga, en Naraío, nun partido de alta voltaxe que promete ofrecer a máxima emoción.

E non é para menos, se metemos na cocteleira futbolística a histórica rivalidade entre os dous equipos locais e o estado das cousas na táboa clasificatoria, co “Sansa” en segunda posición e 22 puntos e o Narahío cuarto a tan só tres puntos de diferencia. Ademais cómpre ter en conta que o Meirás -líder con 25- visitará a casa do Cebarca -terceiro, con 20 puntos-, de maneira que os resultados destes dous partidos poden apretar aínda máis a cabeza da Segunda Futgal da zona de Ferrol.

Curso de autodefensa para mulleres
Na programación da fin de semana merece mención aparte, pola súa relevancia, o curso de autodefensa para mulleres que se desenvolverá durante toda a xornada do domingo. Nesta actividade veranse técnicas físicas e psicolóxicas para dotarnos de ferramentas coas que sentírmonos seguras e poder enfrontar diversos tipos de abusos e agresións machistas.

Vai dirixido a mulleres e rapazas a partir de 16 anos cunha forma física normal. O obradoiro durará desde as 10:00h ata aproximadamente as 18:00h, razón pola que o Concello porá uns petiscos ao mediodía para aproveitar ben o tempo e poder botar unha parolada entre exercicio e exercicio.

Para apuntarse haberá que chamar ao 695 876 178 ou mandar unha mensaxe ao correo oriana.lopez@sansadurnino.gal. A actividade conta coa colaboración da Consellaría de Política Social e encádrase nas propostas organizadas polo Concello con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres e nenas.

Deja un comentario