Achega preto de 170.000 euros para que as persoas que están en situación de rúa teñan cubertas as súas necesidades básicas
A Xunta dá continuidade ao programa de acompañamento e apoio a persoas sen fogar, que desenvolve en colaboración coa Cruz Vermella. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a presidenta autonómica da entidade, Mercedes Casanova, deron conta hoxe deste convenio, ao que o Goberno galego destina case 170.000 euros.
Arturo Parrado destacou a importancia que ten este programa para que as persoas que están en situación de rúa teñan cubertas as súas necesidades básicas. Neste sentido, destacou o traballo que realizan os equipos de profesionais e voluntarios de Cruz Vermella, entidade que cualificou de referencia en Galicia polos seus servizos e pola súa atención ás persoas máis vulnerables.
As liñas de atención ás persoas sen fogar que se levan a cabo a través deste convenio son: información sobre as axudas ás que poden acceder, derivación aos servizos de albergue e outros centros de emerxencia social, apoio e acompañamento psicolóxico e asesoramento social e legal.
O director xeral lembrou que Galicia foi pioneira na posta en marcha dun plan para a atención ás persoas sen fogar, e subliñou a necesidade de seguir sensibilizando á sociedade para que coñeza esta realidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.