Sunday 17 de November de 2024

A programación municipal en torno ao 25N inclúe nos centros de ensino, andaina e obra de teatro


As actividades nos colexios e instituto, que xa están en marcha, foron consensuadas cos equipos directivos e as orientadoras dos centros.

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Como cada ano, en torno a esa data o Concello organiza unha programación municipal que complementa as iniciativas e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado co propósito de afrontar esa problemática social, apoiar ás vítimas e mostrar tolerancia cero cos maltratadores.

Os obradoiros de educación afectivo sexual xa comezaron a impartirse nos centros de ensino en horario lectivo e continuarán ata datas antes das vacacións de Nadal, tendo un espazo moi destacado nesta programación municipal. Participa o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria dos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión, así como o de secundaria do IES Agra de Leborís. Entre os contidos a abordar, que foron consensuados cos equipos directivos e as orientadoras dos catro centros, salientan os bos tratos, o uso responsable da internet e as redes sociais e a desmitificación da pornografía.

Como é tradición na Laracha, o programa municipal en torno ao 25N tamén inclúe unha das funcións do ciclo Venres Teatrais. Será a do día 22 de novembro. Testosterona é unha comedia na que Luis Iglesia e Camila Bossa dan vida a dous subdirectores dun importante medio de comunicación que aspiran a asumir a dirección do mesmo. A peza propón unha reflexión sobre a desigualdade laboral.

Por último, o sábado 23 de novembro terá lugar a cuarta edición da andaina A Laracha unida fronte as violencias machistas na que se convida a participar a persoas de todas as idades. Sairase da Praza do Concello ás 11:00 horas, lugar no que tamén está fixado o punto de regreso tras percorrer unha distancia de cinco quilómetros. Incluirá a lectura dunha declaración contra a violencia de xénero.

Esta programación municipal en torno ao 25N é organizada polo Concello en colaboración co Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la Violencia de Xénero, a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.

Deja un comentario