Monday 25 de November de 2024

O Concello rebaixará un 10% o recibo do lixo durante tres meses para compensar á cidadanía polos efectos da folga do lixo


A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o orzamento do programa municipal do Talón Restaurante 2025, que contará con 600.000 euros, e as bases da convocatoria das Bolsas Norteamérica para o curso educativo 2025-26

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou esta mañá dos asuntos máis destacados que se aprobaron hoxe na Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde á aprobación do proxecto de actualización da taxa polo servizo de prestación de recollida e tratamento do lixo.

Na rolda de prensa posterior á sesión deste mércores, Lage precisou que “o Goberno de Inés Rey ve xusta e necesaria esta medida para compensar as e os coruñeses tras sufrir este verán o impacto da folga, que supuxo un quebranto importante dun servizo esencial para a cidadanía e que é público, que pagamos todas e todos”.

Por iso, continuou Lage, o Concello ten previsto facer efectivo un desconto do 10% na tarifa de recollida de lixo durante tres meses, a todos os cidadáns. Será no ano 2025. O voceiro do Goberno municipal apuntou que, para poder aplicar esta actualización será necesario modificar a ordenanza, o que se elevará ao pleno da Corporación.

O Talón Restaurante contará cun orzamento de 600.000 euros no 2025

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local validou o programa do Talón Restaurante con vistas ao vindeiro ano, cun orzamento de 600.000 euros que contribuirá a dar continuidade a unha iniciativa que, como apuntou Lage, “ten como principal obxectivo a prevención da dependencia e a promoción da autonomía das persoas maiores, facilitando a súa interrelación coa súa contorna social máis próxima proporcionándolles, ademais, unha alimentación equilibrada”.

Ao igual que na anterior convocatoria, o Concello sufragará parcialmente o custo do menú que os establecementos hostaleiros poderán ofertar, ben a un prezo máximo de 9 euros (IVE engadido), ou ben un menú económico, por un máximo de 7,20 euros (IVE engadido). “Hai centos de persoas que empregan este servizo que supón, ademais, unha importante contribución social especialmente para aqueles maiores que viven sós”, razoou Lage.

Conta atrás para a convocatoria das Bolsas Norteamérica 2025-26

Ademais, hoxe tamén se aprobaron as bases da nova convocatoria das Bolsas Norteamérica do curso educativo 2025-26, posibilitando, un ano máis, que o alumnado coruñés en 4º ESO teña a oportunidade de cursar o primeiro ano de Bacharelato en Norteamérica, co obxectivo de que as e os rapaces beneficiarios adquiran un dominio avanzado da lingua inglesa e tamén coñezan e vivan polo miúdo a cultura e sociedade do país de acollida.

O voceiro do Goberno municipal incidiu en que “o Concello da Coruña foi pioneiro no establecemento destas bolsas, que abranguen agora tanto os Estados Unidos como Canadá despois do éxito que tivo a convocatoria neste último país tras a pandemia, cun alto grado de satisfacción por parte dos participantes”.

Como xa é habitual, o prazo de solicitude das prazas abrirase ao día seguinte da publicación do extracto das bases tanto no Boletín Oficial da Provincia (BOP) como na web do Concello. A apertura da convocatoria notificarase, chegado o momento, a través das súas canles oficiais.

Apoios á Orquestra Sinfónica e melloras na Escola Municipal de Música

Por outra banda, Lage informou hoxe da aprobación inicial dun modificativo de crédito de algo máis de 10 millóns de euros, que, na súa meirande parte, servirá para sufragar servizos municipais, “sen que afecte ao funcionamento xeral do Concello”.

Desta partida, uns 8 millóns correspóndense con gastos asociados ao servizo de transporte urbano. “O Concello aposta polo transporte público compartido como unha das liñas estratéxicas para fomentar a mobilidade sostible. Por iso, asumimos a cofinanciación dos descontos que aplica o Goberno central, contribuíndo a que os billetes do bus sexan máis asequibles e, en consecuencia, a cidadanía aposte polo transporte público. Mais estes descontos que asume o Concello son a nosa resposta á inacción da Xunta, que non quixo contribuír ou achegar a esta iniciativa do Goberno estatal, achegando ou sustentando parcialmente os descontos no transporte público urbano”, indicou Lage.
“O bus urbano batirá este ano o seu récord de usuarios, con 27 millóns de viaxes, contribuíndo así a unha mobilidade máis sostible, e o fará cun 50% de desconto sobre a tarifa xeral, desconto que, obviamente, asume o Concello aboando á concesionaria, coa axuda do Estado, que non da Xunta, o 50% restante da tarifa establecida”, apuntou o voceiro do Goberno municipal.

Ademais, o modificativo aprobado hoxe, en fase inicial, prevé tamén un investimento de 660.000 euros no Consorcio para a Promoción da Música co obxectivo de contribuír a facer fronte aos gastos xerais da Orquestra. “Mais a Xunta ten que apoiar a un dos buques insignia do tecido cultural e musical da nosa terra, e a realidade é que ten unha débeda histórica de cinco millóns de euros coa Sinfónica de Galicia, o que evidencia que non está a cumprir cos seus compromisos. É certo que a Xunta subiu este ano 300.000 euros máis, mais aínda queda moi lonxe a posibilidade de saldar unha débeda que no total supera os 5 millóns de euros”, advertiu Lage.

Ademais, este modificativo tamén contempla un investimento de 160.000 euros no referente ás melloras previstas no réxime salarial do persoal da Escola Municipal de Música. Suma tamén outros 1,1 millóns de euros para investimentos en obra de urbanización na Cidade das TIC, e engade máis de 400.000 euros para dotar de recursos ao servizo de BiciCoruña.

Máis superficie para facilitar a ampliación da planta de residuos de Nostián

Este mércores aprobouse definitivamente o proxecto de expropiación de terreos necesario para acometer a ampliación da planta de residuos de Nostián. Lage lembrou que, xa en xuño deste ano, deuse o visto e prace inicial a este proxecto, correspondente á primeira fase das expropiacións previstas, á que se sumará unha segunda fase semellante para completar a ampliación da planta.
“Cómpre agora a aprobación definitiva do proxecto para acometer a expropiación dunha superficie total de 72.000 metros cadrados, o que suporá un investimento de máis de 360.000 euros, fundamental para adaptar e modernizar a planta con vistas á licitación da renovación de Nostián, proceso que xa estamos ultimando”, concretou.

1,8 millóns para a posta en marcha do Banco Municipal de Vivenda

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local concretou hoxe as partidas orzamentarias que destinará o Concello á posta en marcha do Banco Municipal de Vivenda, que xestionará EMVSA.
“Como xa apuntamos previamente, a intención do Goberno de Inés Rey é convertir EMVSA nunha ferramenta clave para o desenvolvemento das políticas de vivenda pública no termo municipal. Para iso, efectuamos previamente un proceso para centralizar na empresa pública municipal a xestión dos máis de 400 inmobles que forman parte do patrimonio residencial do Concello e que destinamos a alugueiros sociais”, dixo Lage.

Hoxe detallouse polo miúdo canto se investirá no Banco Municipal de Vivenda entre os anos 2025 e 2026. Serán 1,8 millóns de euros, desagregados en 1,1 millóns no vindeiro exercicio e máis de 700.000 euros no 2026. Isto, para un período total de 18 meses, o que se contempla de inicio.

A concesión do Centro Oncolóxico de Galicia pasa a réxime de gratuidade

A maiores, hoxe aprobouse a modificación das condicións da concesión administrativa do Hospital Labaca, onde desenvolve a súa actividade o Centro Oncolóxico de Galicia. Dado o interese público municipal derivado da súa actividade e as características que reúne a Fundación do Centro Oncolóxico Rexional de Galicia, acordouse a conversión da concesión a réxime gratuíto.
“Isto suporá poñer fin a un problema administrativo que se arrastra desde hai décadas e a axudar ao normal funcionamento dunha institución que leva moitos anos prestando un servizo esencial non só aos coruñeses e coruñesas, senón a todos os galegos e galegas que aquí son tratados”, puxo en valor Lage Tuñas.

400.000 euros en melloras nos barrios

Ademais, como xa se anticipou estes días a través das canles oficiais do Concello, hoxe deuse luz verde a un investimento de máis de 400.000 euros para acometer intervencións de mellora nos barrios dos Rosales, Labañou, Monte Alto e As Xubias

A primeira delas levarase a cabo ao longo da estrada dos Fortes, onde se executarán medidas para reforzar a seguridade viaria no percorrido que dá acceso tanto aos colexios Calasanz e Calasancias como ao centro de saúde dos Rosales.

En paralelo, tamén está previsto acometer a humanización e peonalización da rúa Tolerancia. A rúa pasará a ser de plataforma única, renovarase o pavimento, e, de paso, incrementarase a superficie de áreas verdes e plantarase máis arboredo.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o plan de actuacións nas rúas Curros Enríquez e Valencia, en Monte Alto, e tamén ao longo da estrada que transcorre en paralelo ao hospital marítimo de Oza e a urbanización Praia de Lazareto, nas Xubias de Arriba. En todos estos puntos levaranse a cabo melloras de accesibilidade peonil e reforzo da seguridade viaria.

Deja un comentario