Friday 22 de November de 2024

O Concello ofrece unha programación con medio cento de actividades xuvenís ate finais de ano


Componse de citas no Espazo Xuvenil O Remanso xunto cos programas ‘Nocturnia’ e ‘Xoves de Achegas’ cos que o Goberno continúa ofrecendo alternativas de ocio saudable para mozos e mozas

O Concello prepara unha programación extensa e con diversidade de actividades dirixidas á mocidade para os meses de novembro e decembro, con citas no Espazo Xuvenil O Remanso e os programas ‘Nocturnia’ e ‘Xoves de Achegas’. En total, medio cento de actividades pensadas para ofrecer alternativas de ocio saudable e espazos de aprendizaxe e creatividade para mozos e mozas de 12 a 30 anos. A oferta enmárcase dentro do amplo abano de iniciativas disposto polo Goberno de Inés Rey para mozos e mozas.

No canto do Espazo Xuvenil O Remanso, á programación xa en marcha de novembro súmanse novas actividades deseñadas en colaboración coas propias usuarias e usuarios do espazo para o último mes do ano. Destacan a presentación da Chamada de Cthulhu, unha inmersión no mundo de misterio e horror de H.P. Lovecraft guiada por unha máster profesional, o 6 de decembro ou a presentación do xogo de cartas de Final Fantasy, actividade introductoria no universo dos xogos de cartas coleccionables, popular entre a mocidade. Tamén dous obradoiros, un de deseño gráfico con Inkscap e outro de reciclaxe creativa para crear unha “deck box” propia. É dicir, unha caixa personalizada para gardar cartas e obxecto.

Tamén volve ‘Xoves de Achegas’, desenvolvido pola Cooperativa de Educación e Lecer Aventeira e as técnicas de información xuvenil das Naves de Metrosidero que se realizará o 28 de novembro. Trátase dunha actividade que fomenta a participación activa e o desenvolvemento de ferramentas emocionais ofrecendo aos mozos e mozas a oportunidade de mellorar as súas habilidades comunicativas e emocionais a través da sesión “Falarnos bonito”, cunha pílula informativa que introduce á Comunicación Non Violenta (CNV), metodoloxía enfocada na empatía, a escoita e a resolución de conflitos.
Todas as actividades requiren inscrición previa. As datas de apertura das inscricións son específicas para cada evento e están dispoñibles na web oficial do Concello ou no Espazo Xuvenil O Remanso. A programación reflicte o esforzo do Goberno de Inés Rey local por proporcionar espazos de encontro, aprendizaxe e diversión que fomenten o desenvolvemento persoal e a interacción social da mocidade coruñesa, combatendo a soidade non desexada e promovendo o uso da lingua galega e a creatividade.

Nova edición do programa Nocturnia

A nova edición do programa Nocturnia contará con 45 actividades en diferentes espazos da cidade, co obxectivo de fomentar a participación activa, a creatividade e o benestar.

O programa inclúe unha mestura de actividades culturais, deportivas e artísticas. Entre as actividades máis destacadas atópanse:

● Obradoiros artísticos e creativos: Sesións como o obradoiro de bisutería cerámica, taller de lightpainting, o taller de carvado de selos ou de gyotaku botánico permiten que as persoas participantes experimenten con diferentes formas de arte manual.

● Experiencias de exploración cultural e histórica: Os roteiros, como a Ruta ambiental pola Serra do Forgoselo e o Roteiro pola Cidade Vella, ofrecen á mocidade a oportunidade de coñecer a historia e a natureza da contorna.

● Actividades deportivas e de aventura: Iniciación ao surf na praia de Bastiagueiro, iniciación ao breaking ou clases de quadball, un deporte inspirado no famoso quidditch.

● Talleres de relaxación e autocoñecemento: Sesións como Introdución ao Ioga Tibetano e Bodyfulness, que combinan meditación e movemento e fomentan a saúde mental e física.

Para todas as actividades, é preciso a inscrición previa e cada semana na páxina oficial www.coruna.gal/nocturnia. As prazas son limitadas e as inscricións abren os luns ás 16.00 horas, pechándose os xoves ás 12.00 horas ou cando se esgotan as prazas.

Deja un comentario