A Pobra do Caramiñal aposta un ano máis pola campaña municipal Desmárcate! para o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora no 25 de novembro. Ante a pregunta: “Na violencia machista, que lugar ocupas ti?” Cinco posibles respostas: “agresor, vítima, familia que agocha, amizades que calan e veciñanza que non ve.” E un convite a desmarcarse de ocupar calquera destes papeis e convertese en axente de cambio.
Durante o acto de presentación, a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, declarou que “búscase a implicación de toda a cidadanía na erradicación da violencia contra a muller. Dende o Servizo de Igualdade lanzamos esta serie de actos arredor do 25-N para contribuír a crear conciencia contra este problema social e sensibilizar sobre a realidade que sofren moitas mulleres, se ben o noso labor se estende a todo o ano, non só con carácter divulgativo, tamén con recursos e ofrecendo atención e intervención. Consideramos, ademais, a educación como base cara unha sociedade igualitaria, polo que moitas das actividades están concibidas para a comunidade educativa.”
No propio 25-N convócase unha concentración, ás 18.00 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán, a carón da escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. Alí procederase coa lectura dun manifesto e minuto de silencio.
Pero as accións arredor desta data esténdense máis alá, tinguindo de violeta o que resta do mes de novembro con especial énfase nos diferentes niveis de educación “como medio para acadar a igualdade entre mulleres e homes”, segundo a axente da igualdade, Carolina Rodríguez.
Haberá contacontos para as/os escolares da infantil a cargo de Uxía Morán nos días 13, 14 e 15. Únense arte e concienciación coa actividade Desmárcate contra a Violencia guiada por Isabel Soler Rivas, autora da escultura Como agua. Trátase dun obradoiro artístico de sensibilización destinado ao CEP Salustiano Rey Eiras que transcorrerá na semana do 25 de novembro. Xa para o CEP Pilar Maestú Sierra se configura a actuación musical A Ramona pequena vai á Lúa, de Pakolas, no día 26. Repartiranse, ademais, camisetas co lema da campaña Desmárcate! entre os colexios da primaria.
Tamén hai para os graos máis altos de ensinanza. O estudantado do instituto e do CPR Divino Maestro coñecerán o Servizo da Igualdade municipal da man da axente da igualdade. A maiores, o CPR Divino Maestro recibirá unha charla informativa sobre as agresións sexuais e a violencia sexual no día 29, que chega a través da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. E, no IES, farase entrega de Apoderar e Liberar; vinte e cinco vinilos de mulleres referentes de apoderamento feminino.
Doutra banda, realizarase unha nova sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero no día 22, na Casa da Mocidade. En palabras da asesora xurídica á muller, María Pérez, “esta mesa constitúe un instrumento operativo de traballo onde están tódolos axentes implicados na prevención e atención ás vítimas de violencia.” E a medallista internacional na modalidade de parakarate, Cristy Tojo, impartirá un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas no día 23, en horario de 17.00 a 20.00 horas, no polideportivo municipal de Venecia. Para favorece-la participación das mulleres interesadas, disponse dun obradoiro de conciliación de balde para as crianzas. As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa a través do Departamento da Igualdade, situado fronte á casa do concello, co teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 5 ou 6.
Parte desta programación conta con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, do Ministerio de Igualdade. Ademais, a Administración local está adherida un ano máis á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.