Friday 22 de November de 2024

A oferta formativa do Fórum Carballo para o curso 2024-25 inclúe cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes


As persoas interesadas en participar nestas accións ou no obradoiro de emprego de carpintaría poden solicitalas nas oficinas da planta baixa

A Concellaría de Formación e Emprego está a traballar na próxima posta en marcha dos dous cursos que arrincarán este mesmo ano no Fórum Carballo: Cociña e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

As características das accións formativas, incluídas no Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, son as seguintes:
• Cociña. O curso desenvolverase desde o 9 de decembro de 2024 ata o 6 de agosto de 2025, de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres. En total, 828 horas, incluídas as 80 de prácticas profesionais non laborais en empresas.
• Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A formación abranguerá desde o 12 de decembro deste ano ata o 25 de abril do que vén, tamén de 09.00 a 14.00 horas e de luns a venres. Neste caso, a duración total é de 468 horas, incluídas as 80 de prácticas.

Dado que os dous cursos son de nivel II, os requisitos son comúns para as persoas aspirantes, que deben contar polo menos cunha das seguintes titulacións:
• ESO ou equivalente
• Certificado de profesionalidade nivel II
• Certificado profesional de nivel I da mesma familia profesional
• Competencias Clave nivel II
• Ter superado un curso de formación específico preparatorio para o acceso a ciclos de grado medio
• Superar unha proba de acceso a ciclos formativos de grado medio
• Título de Formación Prófesional Básica
• Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e/ou de 45 anos

As persoas interesadas deben solicitar a súa participación a través do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), nas oficinas situadas na planta baixa do Fórum Carballo.

Obradoiro Lubiáns
Ás oficinas do SPEG tamén deben dirixirse as persoas que queiran participar no Obradoiro Lubiáns, un obradoiro dual de emprego promovido conxuntamente polos concellos de Carballo e Coristanco e subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros. O Obradoiro Lubiáns formará na especialidade de carpintaría de madeira a 15 persoas desempregadas. As persoas que completen a formación acadarán un certificado de profesionalidade de nivel 2, polo que para acceder á selección deben contar coa titulación correspondente. O inicio desta nova acción formativa está previsto para o 2 de decembro.

Deja un comentario