Friday 22 de November de 2024

As bibliotecas de Carballo convídante ás presentacións das últimas obras de Rosalía Fernández Rial e Fernando Fernández Rego


A autora carballesa estará mañá mércores, ás 20.00 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas para falar sobre “Fóra de campo”

As bibliotecas de Carballo convídante a gozar do outono máis literario e a coñecer de preto aos autores e autoras dos teus libros de cabeceira a través dos exitosos clubs de lectura, que continúan a súa andaina, e de presentacións literarias como as dúas que temos previstas para os vindeiros días.

Mañá mércores, sen ir máis lonxe, a Biblioteca Municipal Agra de Campos achegaranos á escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, que presentará nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, ás 20.00 horas, o seu último libro: Fóra de campo, acompañada por Carmen Castro, técnica de Cultura do Concello de Carballo.

Nesta obra, dirixida ao público xuvenil e adulto, Rosalía Fernández Rial adéntrase, a través de Nere, a protagonista, na cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar, cunha linguaxe contemporánea na que conflúen as artes escénicas, plásticas e musicais.

A seguinte presentación literaria será o venres 22, tamén ás 20.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Nesta ocasión acompañaranos Fernando Fernández Rego, que vai presentar Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo, underground, que vén de saír da imprenta. O acto desenvolverase en formato mesa redonda e contará coa participación de Xabier Graña, Jaime Díaz e José Manuel Tasende. E, por suposto, non faltará a música!

Deja un comentario