Friday 22 de November de 2024

O XII Foro Infantil UNICEF no Parlamento de Galicia contou con represantación larachesa


É o segundo ano consecutivo que A Laracha participa neste evento.

A Laracha foi un dos once concellos que formaron parte hoxe do XII Foro Infantil UNICEF no Parlamento de Galicia celebrado en Santiago de Compostela. Representaron ao noso municipio 9 nenos e nenas do Grupo de Participación da Infancia e da Adolescencia. Durante a xornada estiveron acompañados polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rocío López.

O acto comezou ás 12:30 horas co saúdo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que a continuación deu a palabra aos representantes dos Consellos Locais -entre eles, o da Laracha- que saíron á tribuna de oradores para expoñer as súas reflexións.

Despois da intervención da presidenta de UNICEF Galicia, María Montalvo, foi a quenda para os deputados representantes de cada un dos grupos parlamentarios. Pecharon o foro o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Igualdade, Jacobo José Rey, e novamente o presidente do Parlamento antes de proceder á entrega aos rapaces dos diplomas acreditativos da súa participación.

É o segundo ano consecutivo que A Laracha participa no Foro Infantil UNICEF no Parlamento de Galicia.

Deja un comentario