Friday 22 de November de 2024

A Xunta completa a renovación de máis de 1.300 equipos informáticos en preto de 180 centros públicos da área de Benestar


É unha das liñas de actuación do Plan Trabe para a modernización dos servizos sociais sociais, que desenvolven a Amtega e a Consellería de Política Social

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de completar a renovación de 1.145 ordenadores e 224 impresoras en rede nun total de 178 centros públicos de Benestar. A dotación de medios tecnolóxicos é un requisito imprescindible para o desenvolvemento do Plan Trabe, a estratexia tecnolóxica para a modernización dos servizos sociais, que impulsan a Amtega e a Consellería de Política Social.

O importe desta actuación foi de 800.000 euros, grazas a un convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a entidade pública empresarial Red.es. A renovación de equipamento tecnolóxico beneficiou 43 centros sociocomunitarios, 19 residencias de maiores, 73 escolas infantís, 12 espazos xoves, e outros 30 entre albergues xuvenís, centros de día, de menores e de persoas con discapacidade.

Proporcionar aos profesionais de área de benestar o equipamento preciso é fundamental para poidan levar a cabo as súa tarefas dun xeito áxil e eficiente, e lles permitirá mellorar o seu traballo e as actividades dos residentes.

Como paso previo á instalación do equipamento realizouse unha auditoría da situación das redes de telecomunicación e do equipamento tecnolóxico nos centros, que quedaron integrados na rede corporativa da Administración autonómica e na políticas de seguridade e xestión do posto de traballo da Xunta de Galicia. Desde xeito, ademais de proporcionar a tecnoloxía necesaria para o desempeño das funcións destes profesionais, favorécese o uso de sistemas comúns, centralizados e interoperables.

Unha actuación do Plan Trabe
A renovación do equipamento tecnolóxico é unha das liñas de actuación do Plan Trabe que este ano cumprirá dous fitos chave, a posta en marcha a Historia Social Única e o inicio dos traballos de desenvolvemento do sistema de información para a xestión integral dos centros de benestar.

A Historia Social Única (HSU) integrará toda a información da historia social do individuo (antecedente familiares, situación laboral , prestacións recibidas, …) e permitirá unha visión unificada e global de las actuacións sobre a persoa. A HSU nace integrada con Tarxeta Sanitaria do Sergas, supoñendo un avance na construción da futura historia sociosanitaria.

O sistema de información para a xestión integral dos centros de benestar facilitará o traballo dos profesionais que desenvolven a súa labor nestes centros, así como a xestión financeira, loxística e permitirá a xestión da demanda de xeito integral en toda a rede de servizos sociais.

O Plan Trabe para a Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais, dotado cun orzamento de 20 millóns de euros en cinco anos, é un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións de máis de 1,6 millóns de galegos.