Friday 22 de November de 2024

De regreso os voluntarios da Protección Civil e o policía local da Pobra destinados ao territorio afectado pola DANA


Dada a situación na Comunidade Valenciana pola DANA, o Concello da Pobra do Caramiñal decidiu colaborar coa zona afectada destinando recursos humanos e materiais para labores de achique e limpeza de rúas e de seguridade cidadá.

Con ese obxectivo partiron na mañá do 7 de novembro catro persoas voluntarias da Protección Civil e un axente da Policía local. Levaron consigo un vehículo todoterreo, remolque, coche patrulla, xeradores, mangueiras, palas, rastros, caldeiros e bombas de achique, entre outros medios.

Finalmente, o destino foi Paiporta, onde traballaron intensamente durante a súa estadía para axudar nas tarefas que alí se desenvolven tralo forte episodio de gota fría.

Á súa chegada á Pobra do Caramiñal na noite do 11 de novembro foron recibidos polo alcalde e titular da Concellaría da Seguridade, José Carlos Vidal, e pola concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo, para dárlle-la benvida e felicitalos polo seu altruísmo.

“Toda axuda é necesaria nun momento así. Por iso quixemos botar unha man e o Concello da Pobra do Caramiñal puxo a disposición medios humanos e materiais con destino aos lugares que se considerase. Paiporta foi, finalmente, o destino do noso equipo. Quero agradece-lo intenso traballo e a solidariedade da Protección Civil e da Policía local”, manifesta o rexedor.

Deja un comentario