Friday 22 de November de 2024

O Concello dá un novo pulo ao plan de melloras nos barrios, cun investimento de máis de 400.000 euros en Monte Alto, Labañou, Os Rosales e As Xubias


O Goberno de Inés Rey intervirá na estrada dos Fortes para implementar melloras que reforcen a seguridade viaria preto dos accesos aos centros escolares e o centro de saúde dos Rosales

A Xunta de Goberno Local dará luz verde ao proxecto de obra para peonalizar a rúa Tolerancia, o que permitirá gañar espazos públicos e reforzar a seguridade da veciñanza a carón do parque infantil que hai nesta praza de Labañou

Este mércores, a Xunta de Goberno Local aprobará na súa sesión ordinaria tres novas intervencións de mellora nos barrios de Monte Alto, Labañou, Os Rosales e As Xubias, onde o Concello ten previsto actuar para dar resposta a diversas demandas veciñais en materia de accesibilidade, renovación dos espazos públicos e seguridade viaria.

Unha das medidas máis destacadas levarase a cabo na estrada dos Fortes, no percorrido que conecta a rolda de Outeiro co cemiterio de San Pedro de Visma. “Neste treito é fundamental intervir para calmar o tráfico e implementar medidas que reforcen a seguridade peonil”, expuxo hoxe a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que lembrou que ao longo da estrada, bidireccional e sometida a un intenso tránsito diario de vehículos, hai accesos a instalacións educativas como os colexios Calasanz e Calasancias, tamén a equipamentos sanitarios, como o centro de saúde do barrio dos Rosales.
Neste sentido, na estrada dos Fortes, onde a velocidade máxima é de 30 quilómetros por hora, habilitouse tempo atrás un radar pedagóxico para recoller os datos de circulación na zona e avaliar posibles medidas no caso de detectarse infraccións de tráfico. Por este motivo, e co obxectivo de mellorar e reforzar a seguridade viaria, o Goberno de Inés Rey xa ten definido o seu plan de actuación na estrada, ao longo de 310 metros.

En primeiro lugar, acometerase a sobreelevación dos pasos peonís existentes e, en paralelo, disporanse máis redutores físicos da velocidade e reforzarase a sinalización horizontal e vertical. Ademais, crearase unha nova orella de protección peonil no cruzamento coa rúa Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e, xa na beirarrúa de acceso ás Calasancias, implantarase unha varanda de protección para reforzar o espazo de paso das crianzas.

Os traballos, para os que se estima un prazo de execución de tres meses desde a súa posta en marcha, suporán un investimento de case 90.000 euros.

A humanización da rúa Tolerancia

Por outra banda, o Goberno municipal dará luz verde mañá ao proxecto de obra correspondente á humanización da rúa Tolerancia, lindeira á praza homónima no barrio de Labañou.
O obxectivo é acometer a peonalización da rúa para adecuala aos usos e instalacións da súa contorna, onde é frecuente o paso das e dos peóns ao parque infantil. Noemí Díaz destacou que esta iniciativa “dará unha maior calidade urbana a este espazo de Labañou, rexenerando a rúa, integrándoa paisaxisticamente e favorecendo a mobilidade peonil”.

Neste sentido, no espazo que ocupa actualmente a rúa está previsto crear unha plataforma única entre as rúas praza do Almirante Romay e Arxentina, mellorando o tránsito peonil entre a praza da Tolerancia e os edificios con acceso á rúa homónima. Ampliaranse as zonas axardinadas, plantarase arboredo, instalarase novo mobiliario urbano e tamén se mellorará a rede de recollida de augas pluviais.
Unha vez que se inicien os traballos, as obras terán un prazo de execución de catro meses, sempre e cando as condicións climatolóxicas sexan favorables para o seu desenvolvemento. O investimento previsto polo Concello é de case 90.000 euros.

Intervencións en percorridos peonís

Ademais, este mércores tamén se aprobará o proxecto de obra que permitirá a eliminación de barreiras arquitectónicas en dous puntos do barrio de Monte Alto, as rúas Valencia e Curros Enríquez, e tamén nas Xubias de Arriba, preto do hospital marítimo de Oza.

No caso específico da rúa Curros Enríquez, o Goberno de Inés Rey actuará para mellorar a accesibilidade ás instalacións da Asociación Veciñal Atocha-Monte Alto, onde está previsto habilitar unha nova rampla de acceso no lateral do edificio, frecuentado pola veciñanza do barrio por contar, por exemplo, cunha biblioteca de uso público. Ademais, tamén se elevará o paso peonil próximo ao edificio, de forma que a beirarrúa e a calzada do cruzamento estarán ao mesmo nivel, mellorando así a accesibilidade universal nun percorrido clave para o tránsito peonil, por dar acceso ao Campo de Marte.

No tocante á rúa Valencia, pola súa configuración urbanística, o estreito das beirarrúas dificulta actualmente a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. Por iso formulouse que a rúa pase a estar disposta nun formato de plataforma única, coa calzada e a beirarrúa ao mesmo nivel e con pavimentos diferenciados, visibilizando así as zonas de paso.

Xa no referente ás Xubias de Arriba, o Concello ten previsto acometer melloras no percorrido que vai en paralelo á urbanización Praia de Lazareto e o hospital de Oza, onde se adaptarán os percorridos peonís e reforzará a seguridade viaria coa elevación de diversos pasos peonís, mellorando a accesibilidade aos mesmos coa renovación do pavimento e se adaptarán aqueles espazos que interrumpan os itinerarios peonís en materia de accesibilidade, suavizando as pendentes e suprimindo as barreiras arquitectónicas que haxa nas beirarrúas.

En total, o Concello prevé un investimento de algo máis de 237.000 euros para executar estas intervencións entre Monte Alto e As Xubias.

Deja un comentario