Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión inviste case 54.000 euros na mellora de dous camiños rurais nas parroquias de Ons e da Luaña


O Concello de Brión vén de rematar as obras de mellora do camiño dos Mallos a Ons e de Espiñeiros a Goiáns, nas parroquias de Ons e da Luaña, nos que investiu un total de 53.966 euros. Dúas actuacións acometidas pola empresa Excavaciones Agra Castro SL con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agricolas 2024-2025 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020.

A obra máis importante, economicamente falando, foi a acometida nos 2 quilómetros do camiño entre as aldeas de Espiñeiros e Goiáns, cuxo firme foi reposto con 15 centímetros de zahorra nunha superficie de 8.000 m2. Así mesmo, colocouse un sinal de Stop na saída do camiño e limpáronse as gabias en ambas as dúas marxes. O investimento foi de 34.135,36 euros.

No caso do camiño dos Mallos a Ons, a actuación tivo lugar sobre un dous tramos de 910 metros. En ambos os dous tramos procedeuse á limpeza das gabias do camiño, cuxo firme foi mellorado con 15 centímetros de zahorra no primeiro tramo (790 metros) e cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado no segundo dos tramos, onde se aproveitou tamén para reparar as fochancas existentes. Ademais de colocarse un sinal de Stop na saída do camiño, mellorouse a seguridade viaria coa habilitación de dous abanos, de 80 e 60 m2, na zona.

Deja un comentario