Friday 22 de November de 2024

O Concello instalará tres puntos limpos de proximidade nos barrios dos Castros, Os Mallos e Palavea


Con estas novas localizacións xa son sete as instalacións postas ao servizo da veciñanza para a achega de residuos de reciclaxe complexa

O Concello ampliará ata sete a actual rede de puntos de proximidade destinados a residuos domésticos de difícil reciclaxe, coa instalación de tres novos centros de recollida nos barrios dos Castros, Os Mallos e Palavea.

Nestes colectores de pequeno formato a cidadanía poderá depositar residuos domésticos de tamaño reducido como bolígrafos e material de escritura, cartuchos de tinta, pequenos RAEES (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), pilas e acumuladores, cápsulas de café e lámpadas.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, explicou hoxe que “a maioría destes residuos son tecnicamente reciclables, pero requiren dun tratamento máis complexo e de maior custo”. “Desde o Concello queremos facilitarlle á veciñanza a separación e recollida destes residuos para evitar que acaben no vertedoiro, dando así unha saída axeitada a cada residuo, levándoo ao xestor de reciclaxe correspondente”, agrega.

Cómpre lembrar que a cidade xa conta con catro minipuntos limpos de proximidade, con un grande éxito de captación e participación por parte dos veciños, localizados e operativos en:
● Monte Alto: Campo de Marte.
● Agra do Orzán: Rúa Barcelona, 27.
● Os Rosales: Rúa Manuel Azaña, 41.
● Novo Mesoiro: Avenida de Novo Mesoiro, 32.
A estes catro sumaranse tres novos, que darán servizo a:
● Os Mallos: Praza de Monforte.
● A Gaiteira – Oza – Os Castros: Avenida de Oza, 132.
● Palavea: Praza do Padre Busto, 1.

Neste sentido, e co obxectivo de facilitar a correcta separación de residuos desde o inicio da cadea, o Goberno de Inés Rey está a promover a disposición de máis minipuntos limpos de proximidade, colectores de residuos de pequeno formato instalados na vía pública. Dispoñen de sete espazos independentes de introdución e almacenaxe de residuos, permitindo a recollida de unha a sete fraccións diferenciadas e contan con dous paneis informativos.

Estes novos puntos limpos de barrio para refugallos de pequeno tamaño, completan a rede de recollida de residuos contaminantes, perigosos e de difícil reciclaxe da cidade, formada polos dous puntos limpos dos Rosales e Eirís, destinados a residuos voluminosos como mobles, electrodomésticos, pneumáticos, podas e segas, entullos e botes de spray e pinturas, entre outros. As empresas dos polígonos industriais de Agrela e Pocomaco contan cos seus propios puntos limpos para darlle servizo ás industrias e empresas alí situadas.

Ademais, o punto limpo móbil do Concello percorre cada semana os barrios para que os veciños e veciñas poidan depositar refugallos como aceite doméstico, fluorescentes, pequenos electrodomésticos, radiografías e outros residuos. Toda a información sobre o horario do punto limpo móbil pódese obter na web municipal ou no teléfono 010.

Deja un comentario