Monday 25 de November de 2024

Rodríguez Miranda gaba os esforzos en favor de Galicia dos membros da Orde da Vieira, e ínstaos a seguir traballando polo progreso da súa terra de orixe


O secretario xeral da Emigración foi o encargado de apadriñar ao seu homólogo de Política Lingüística como novo cabaleiro da Orde da Vieira, e de entregar os ‘Premios Galeguidade 2016’ na 49ª edición do Capítulo Xeral desta influente asociación

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na 49ª edición do Capítulo Xeral da Orde da Vieira en Madrid, no decurso do cal apadriñou, e fixo entrega da insignia da asociación, ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. O acto estivo dirixido polo chanceler da Orde, Enrique Santín Díaz.

Na súa alocución, Rodríguez Miranda trasladou aos presentes a petición de que a súa forte vinculación con Galicia, demostrada nas súas facetas persoal e profesional, se faga aínda máis grande e “que siga conseguindo novas achegas para o desenvolvemento e progreso de Galicia”. Neste seno, lembrou o secretario xeral da Emigración, “residides en moitos lugares do mundo en que se toman decisións importantes, e nas que Galicia quere, debe e, sobre todo, pode estar presente, grazas a vós”.

Pola súa banda, Valentín García –quen falou en nome de tódolos novos integrantes da Orde-, lembrou a Ramón Piñeiro, “quen dicía que somos galegos por nación, españois por historia e europeos por cultura (…), e dígovolo ademais nesta lingua antiga, idioma franco de trobadores e cantigas medievais que o estenderon e perpetuaron por aquela Europa que construíu camiños, basílicas e catedrais para maior gloria do Noso Señor Santiago. Manifestámolo no idioma propio de Rosalía de Castro, Marcial Valladares e Castelao, nas entrañables palabras que desde o berce materno oímos e que hoxe en día son emitidas pola internet, satélites e redes sociais”.

Recoñecementos
Rodríguez Miranda foi tamén o encargado de entregar os Premios Galeguidade 2016, que concede a Orde a persoa física (Antonio Bonet Correa, presidente da Real Academia de Belas Artes San Fernando), persoa xurídica (Grupo Empresarial Calvo no seu 75 aniversario), e á comunicación social (Grupo Empresarial Gadisa,pola súa campaña publicitaria ‘Vivamos como galegos’).

Ademais, e por parte dos presidentes das asociacións de profesionais galegos con presenza en Madrid, fíxose entrega dos galardóns ‘Madrigalegos de Ouro 2016’, nas súas distintas modalidades. O de mérito en comunicación recaeu no xornalista e escritor Vicente Araguas; o de mérito xurídico, no maxistrado do Tribunal Supremo, José Manuel Sieira Míguez; o de mérito no servizo público, no almirante Francisco Torrente; o de mérito na Sanidade, para a doutora María Eugenia Blanco Cachafeiro; e o de mérito empresarial, para o presidente do Grupo Delvesa, Amando Veiga Corral.

Todos eles, sexa por nacemento, orixe familiar, ou traballo realizado ao longo da súa vida en favor de Galicia e as súas comunidades na diáspora, posúen una forte vinculación coa nosa terra. Tamén a manteñen, por descontado, as persoas que nesta ocasión foron investidos ilustres cabaleiros e damas da Orde. Ademais de García Gómez, recibiron tal distinción o meteorólogo en Televisión Española, Martín Barreiro; o músico Manuel Budiño; o director do programa ‘Informe Semanal’, Jenaro Castro; o teniente xeneral José Manuel García Sieiro; o empresario residente en Panamá, Jovito García Villaverde; os seus homólogos en Estados Unidos, José Rogelio Gestal e Mario Pérez de Rivera; o presidente do Grupo Anjoca, Ángel Jove Capellán; os avogados Marcial Martelo de la Maza e Gonzalo Rodríguez-Mourullo; o presidente de Steelcase Iberia, Alejandro Pociña; o presidente da Fundación Universitaria San Pablo CEU, Carlos Romero; o coronel auditor do Exército, Antonio Troncoso de Castro; e mailo ex presidente de Walt Disney, Francisco Javier Vasallo.

A Orde da Vieira
A Enxebre Orde da Vieira iniciou a súa andaina no ano 1968. Este colectivo, promovido por galegos en Madrid, ten por sinal distintivo a celebración de actividades lúdicas e culturais que manteñan viva e constante a presenza da Galeguidade en círculos influentes da capital española, se ben as e os membros da mesma residen en todo o mundo e espallan polos cinco continentes a imaxe real e moderna da súa terra. De acordo coa súa propia definición, non recoñece “estatutos, nin presidencias, nin cotas” entre as e os asociados.

No Capítulo Extraordinario que celebrou a Orde o pasado mes de setembro en Samos, coincidiu a súa presenza na localidade luguesa co comezo do percorrido polo Camiño de Santiago da asociación Xuntanza de Galegos de Alcobendas: foi só un dos exemplos da permanente colaboración e contacto que tódalas asociacións e comunidades de galegos manteñen ao longo do ano.