Saturday 23 de November de 2024

Moción presentada polo BNG da Laracha en relación á defensa do galego


O BNG da Laracha vén de presentar unha iniciativa para intentar reverter os recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego que constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua.

Após facer unha breve contextualización sobre a situación na que se atopa actualmente o galego, a cal calificamos de emerxencia, consecuencia dunha política lingüística discriminatoria e excluínte aplicada nos últimos quince anos de goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza, facemos unha valoración da situación na nosa localidade:

O Concello da Laracha non é alleo a esta problemática e, aínda carecendo de estudos estadísticos concretos da situación na que se atopa o idioma galego na nosa localidade, non fai falla máis que escoitar e observar con un pouco de atención nas nosas rúas, nos parques, en calquera lugar público ou establecemento comercial para decatarnos de cómo mudou a situación lingüística nas últimas décadas: o descenso de falantes entre as xeracións máis novas é desolador, difícilmente podemos atopar letreiros, publicidade ou información en galego en establecementos comerciais (tendas, hostelería, etc) e , cando se usa o idioma propio de Galiza, maioritariamenteé con grallas e erros ortográficos graves, incluso sen saírmos da propia administración pública local.

Consideramos, por suposto, que esta situación do noso idioma é reversíbel. O galego ten futuro se o compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións galegas. O futuro do galego depende da nosa vontade colectiva como galegos e galegas propondo a adopción dunha serie de acordos que resumimos a continuación:

1. Reafirmarnos na defensa da lingua galega.

2. O concello revisará a súa actuación en materia lingüística e a adaptará ao previsto legalmente, tendo en conta a súa condición de “lingua propia deGaliza” (Estatuto de Autonomía, artigo 5), e o establecido nos preceptos aprobados por unanimidade das forzas políticas.

3. Para dar cumprimento ás devantitas Lei e Plano Xeral de Normalización, o concello da Laracha solicitará a O PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A CONCELLOS E OUTRAS ENTIDADES LOCAIS PARA FINANCIAR GASTOS DE PERSOAL TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA 2025 (FONL/2025) (a continuación faise unha enumeración detallada de cales son as funcións a desenvolver a través deste posto para evidenciar deste xeito a importancia de contar co mesmo)

4. O pleno do concello acorda adherirse á Plataforma Queremos Galego, entidade social ampla conformada por colectivos de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta popular a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; e de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada. En coherencia con esa decisión. O Concello apoiará activamente as iniciativas socias promovidas desde esta Plataforma.

Deja un comentario