Friday 22 de November de 2024

O Coworking da Pobra estimula o espírito emprendedor da mocidade da comarca cuns campus vivenciais


A Pobra do Caramiñal continúa dinamizando e divulgando o seu Coworking en formato de Campus de Emprendemento que contará neste mes de novembro coa participación do IES Espiñeira, de Boiro, e do CIFP Coroso, de Ribeira.

Con esta iniciativa preténdese promove-lo emprendemento entre o alumnado dos centros educativos con talleres, charlas e visitas a empresas da comarca, identificadas como referentes en boas prácticas de xestión empresarial. “Estes campus vivenciais eríxense como unha ferramenta con moito potencial para amosar á mocidade o autoemprego como unha opción de futuro no mundo laboral. Queremos que coñezan exemplos reais de emprendedores locais e os servizos que pon á súa disposición a Administración local para facer realidade as ideas de negocio. De feito, o Coworking da Pobra conta actualmente cunha alta ocupación”, declara a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo.

Un valor engadido destes campus vivenciais é a adaptación das actividades durante as visitas segundo o perfil de cada grupo e a súa formación específica para fomentar un emprendemento consciente a través dunha experiencia enriquecedora que combina coñecementos, inspiración e asesoramento para o autoemprego.

O estudantado de ciclos formativos da área de automoción do CIFP Coroso será o primeiro en pasar polas instalacións do centro de traballo colaborativo pobrense, concretamente, no xoves 14. Centrada nun taller de emprendemento e economía circular, esta actividade será liderada por Alba Fernández, responsable do Coworking A Maceta, en Muros, compartindo coñecementos e experiencias sobre o potencial do autoemprego e a sustentabilidade empresarial. Durante esta xornada, visitarán tamén Chutin’s Garage, onde Javier Fanjul, emprendedor asesorado no Coworking da Pobra, lles contará a súa experiencia de creación de negocio. Fanjul abriu en 2024 o seu propio taller de detallado de vehículos na localidade, sendo un exemplo para a xente nova que baralle o autoemprego como opción de futuro.

E, xa no martes 19, será a quenda do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Espiñeira. Asistirán ao Coworking a un taller sobre habilidades sociais para emprender, impartido por Verónica Rodríguez, socia da consultora Promove. Incluirá tamén a actividade Café con…, onde membros da cooperativa de marketing dixital Kracia compartirán a súa experiencia emprendedora. Trátase dun café-coloquio que lles permitirá coñecer de primeira man o camiño que tomaron catro mozos e mozas da comarca cara a emprender no ámbito do marketing dixital.

Creado en 2017, o Coworking da Pobra consta de dous espazos: o Emprende, destinado a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o Nómades, dirixido a quen utilice o centro de xeito puntual. En 2022, formalizouse a integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo: https://redecoworking.pel.gal/.

Deja un comentario