Friday 22 de November de 2024

54 persoas accederon a un posto de traballo grazas ao Programa Integrado de Emprego


Outros 46 participantes melloraron a súa formación profesional e empregabilidade.

O programa integrado de emprego que se desenvolveu na Laracha baixo a organización do Concello e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia concluíu deixando un balance de 54 participantes que accederon a un posto de traballo -dos cales 46 lograron a inserción laboral a día de hoxe- e outros 46 que melloraron a súa empregabilidade ampliando a formación e as competencias profesionais. Desde xeito superouse o propósito de inserción laboral inicialmente previsto, fixado no 41 %.

A concelleira de Emprego, Rocío López, e o director territorial de Emprego, Juan José Couce Prego, presidiron o acto de clausura celebrado hoxe na Casa da Cultura e entregaron aos participantes os diplomas que certifican a asistencia e aproveitamento da formación laboral completada a través do programa integrado de emprego.

Rocío López foi quen achegou as cifras que poñen de manifesto o éxito da iniciativa, apuntando tamén que foron tramitadas máis de 500 ofertas de emprego individualizadas. A edila animou aos cen participantes a aproveitar no futuro os coñecementos e experiencias adquiridas, apuntando que “o emprego e a formación para o emprego son unha prioridade para o Concello”. Tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, xa que “sen ela sería imposible organizar este tipo de programas”.
Juan José Couce afirmou que o programa integrado de emprego “é froito do traballo conxunto das administracións” e pon de manifesto “o compromiso da Xunta de Galicia coa promoción do emprego”. Tamén aplaudiu “superar os obxectivos de inserción”, que considera é “unha parte fundamental”, e puxo en valor que os participantes obteñan “un certificado profesional que vos abrirá moitas portas para que poidades conseguir un emprego estable e de calidade”. Tamén valorou que a formación se realizase “en sectores con proxección e cun compoñente social importante”, o que dixo “é motivo de orgullo”. Concluíu desexando aos asistentes “moita sorte no futuro”.

O programa integrado de emprego foi dirixido a cen laracheses que figuraban como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. O obxectivo esencial foi facilitar a súa inserción laboral por medio da realización dun conxunto de accións organizadas ao redor dun proceso individualizado dirixido ao crecemento persoal e profesional a través de accións de información, orientación, asesoramento, formación, prácticas en empresas e prospección e intermediación laboral. Todas as accións desenvolvidas enfocáronse no deseño dun perfil profesional adaptado ás necesidades de cada participante e definindo os seus obxectivos laborais.
Durante o programa os participantes beneficiáronse das medidas de axuda á conciliación que puxo á súa disposición o Concello. Ademais, pola asistencia a cada acción formativa percibiron unha axuda económica diaria.

O programa integrado de emprego, o cuarto que se levou a cabo na Laracha, é un exemplo máis das accións que en políticas activas de emprego se desenvolven no Concello grazas á cooperación coa Xunta de Galicia.

Deja un comentario