Friday 22 de November de 2024

A Xunta realiza labores de conservación nun tramo de preto de 10 quilómetros do río Mero, en Cambre


As tarefas que está a realizar Augas de Galicia consisten na retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento nun tramo fluvial preto de 10 quilómetro do río Mero, ao seu paso polo concello de Cambre.

As tarefas, que se desenvolverán en varias parroquias do municipio e que xa foron comunicadas ao Concello, consistirán na retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos. Os traballos prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras, e co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Deja un comentario