Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Fene anuncia unha nova convocatoria dos Premios Curuxa para 2025


Os debuxantes Adrián Dopico López (Premio Curuxa 2024), Lucas Sixto Carballeira (Premio Curuxa Nova 2024) e Iván Mata Tamayo (1º premio na categoría Caricatura) recibiron este venres da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores XXVIII concurso de humor gráfico e caricatura Curuxa do Humor. No acto, o primeiro rexedor fenés louvou o traballo dos premiados, afirmando que “desde o Goberno Municipal de Fene sentímonos moi fachendosos por axudar a difundir – con este premio – a obra dos mellores humoristas gráficos do país”.

Nos corenta anos de historia do Museo, dixo Trigo, os Premios Curuxa foron cambiando e adaptándose aos novos tempos. Mudaron as categorías, mudou o ámbito xeográfico do certame (que inicialmente era internacional pero que, desde hai uns anos, vai dirixido unicamente a autores e autoras residentes no estado español). Pero o que non mudou foi a filosofía do certame, “procurando o recoñecemento aos profesionais do humor gráfico e a promoción de novos valores”.

A entrega dos Premios Curuxa 2024 foi un acto sinxelo que comezou coa lectura da acta do xurado e coa proxección das obras gañadoras e finalistas. Cada un dos premiados subiu entón ao escenario do salón de actos do Museo do Humor Xaquín Marín para recoller o diploma e comentar brevemente a súa obra. Ao remate, o alcalde de Fene, Juventino Trigo dirixiuse aos presentes referíndose aos Premios Curuxa coma o “garante do futuro do Museo do Humor Xaquín Marín e, polo tanto, dun dos principais signos de identidade do Concello de Fene”. E concluíu anunciando unha nova convocatoria do certame, da que se farán públicas as bases a comezos do vindeiro ano.

A gala dos Premios Curuxa 2024 completouse cunha recepción da Corporación Municipal de Fene aos autores premiados, aos que se convidou a asinar no Libro de Honra do museo, e coa primeira función do ciclo Novembro, mes do humor, protagonizada polo humorista ferrolán Pepo Suevos.

Deja un comentario